miércoles, marzo 12, 2025
InicioConcellos +A CañizaPilar Vicente asume a dirección do grupo municipal e a presidencia da...

Pilar Vicente asume a dirección do grupo municipal e a presidencia da nova xunta xestora do PP da Cañiza

A concelleira Pilar Vicente Iglesias vén de asumir a dirección e a portavocía do grupo municipal do PP da Cañiza, no que se refire ao ámbito institucional, e a presidencia da nova xunta xestora da agrupación local no que se refire ao funcionamento orgánico despois dun encontro mantido pola militancia e que estivo encabezado polo presidente provincial, Luis López. Así o comunica o Partido Popular a nivel provincial nun comunicado no que indican que «a proposta do PP cañicense para que a número 2 da candidatura nas eleccións municipais de 2023 fose quen tomase o temón tanto no concello como no partido obtivo o visto bo da dirección provincial e xa é efectivo a falta do formalismo de que saia aprobado polo comité executivo provincial».

A concelleira Pilar Vicente, que traballa como técnica de coidados auxiliares no sector sanitario e que ten acta de concelleira na Cañiza desde o ano 2019, «é considerada o relevo natural para a apertura deste nova etapa do PP local tras a marcha de Miguel Domínguez e a perda da Alcaldía hai seis anos», segundo indican desde o Partido Popular de Pontevedra. Ademais, indican que «a figura de Pilar Vicente garante a cohesión e a unidade absoluta do proxecto popular da Cañiza, posto que existe unanimidade en torno á súa persoa, confirmándose a continuidade dos outros cinco edís do PP para seguir traballando ata o final do mandato».

“Comeza un tempo novo no PP da Cañiza que, posiblemente, era moi necesario, porque sempre é bo renovarse e impulsar proxectos tan vivos, tan apegados á terra e tan cercanos á xente coma o noso, e ademais está conformado por veciños moi comprometidos que imos traballar arreo con moita ilusión a prol dos cañicenses para atendelos como se merecen e para chegar en perfectas condicións ás eleccións municipais de 2027”, detallou Pilar Vicente.

Pola súa banda, Luis López, que acudíu ata A Cañiza acompañado pola secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, amosou a súa “absoluta confianza” en Pilar Vicente e os demais concelleiros para representar con éxito ao grupo municipal e tamén expresou a súa “total tranquilidade” coa nova dirección do PP local a través dunha xunta xestora, posto que contou co apoio unánime dos militantes e ademais irase ampliando coa incorporación de xente da base do partido e outras persoas da Cañiza que se queiran ir incorporando ao proxecto.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS