miércoles, marzo 12, 2025
InicioNewsActualidadeO director Alfonso Zarauza recibirá o Premio Pedigree de Honor na XXII...

O director Alfonso Zarauza recibirá o Premio Pedigree de Honor na XXII edición do Festival de Cans

Festival de Cans, que celebrará a súa XXII edición na aldea de O Porriño, entre o 20 e o 24 de maio, acordou conceder o seu Premio Pedigree de Honor ao cineasta e productor Alfonso Zarauza, coincidindo coa celebración dos seus 30 anos adicado ao audiovisual. 

Alfonso Zarauza (Santiago de Compostela, 1973) é un cineasta clave na historia recente do cinema en Galicia. Representa unha correa de transmisión entre as orixes do cinema galego contemporáneo e a corrente do Novo Cinema Galego, con xéneros que van desde a ficción ata o documental, pasando polos videoclips e, sobre todo, as curtametraxes, onde se forxou como cineasta. 

O compostelán é autor de obras como “Ons”“Encallados” ou “Os fenómenos”, filme co que percorreu máis de trinta festivais. Debutou na longametraxe con “A Noite que deixou de chover” (2008), protagonizada por Luis Tosar, con quen forxou unha sólida relación profesional. O actor é un rostro habitual dos seus filmes. 

O Festival de Cans quere recoñecer a traxectoria deste director e produtor cuxas películas pasaron por festivais de relevancia como a Seminci, o Festival de Cine Europeo de Sevilla ou o Festival de Málaga. Zarauza sempre amosou nos seus filmes unha especial sensibilidade polas temáticas sociais e pola lingua galega como ferramenta para comunicar o seu cinema por todo o mundo, loitando porque fosen estreadas nas salas en V.O. en galego. 

Ademáis este Premio Pedigree tamén quere recoñecer a labor de Zarauza como produtor e coguionista doutros proxectos como “Arima”, primeiro filme de Jaione Camborda, ou filmes de cineastas galegos máis novos, coma Ángel Santos, Lois Patiño, Cesar Souto ou Luis Avilés, ao tempo que segue a súa aposta persoal por directoras noveis como Ledicia Sola.

A concesión do galardón foi decidida pola asamblea de Asociación Cultural Arela, organizadora do festival. Zarauza releva na máxima distinción en Cans a actriz María Vázquez, quen recibiu o premio o ano pasado. Además da concesión do premio, o cineasta colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas de Cans o venres 23 de maio, á beira doutros homenaxeados como Jorge Coira, Luis Zahera, Luis Tosar ou Margarita Ledo.

Nerea Barros, Uxía Senlle e Adriano Campos

Outros dos galardóns honoríficos do Festival de Cans son os Chimpíns de Prata, que premian o impulso e a defensa de profesionais e veciños do festival e da aldea.

Chimpín de Prata “Pepe Puime”, será nesta edición para a actriz e directora Nerea Barros (Santiago de Compostela, 1981).  Nerea Barros recibiu en 2014 o Premio Goya a Mellor Actriz Revelación por «La Isla Mínima» de Alberto Rodríquez e, como directora, en 2022 foi finalista dos Goya á mellor Curta documental por «Memoria». 

Nerea Barros é unha figura moi próxima ao Festival de Cans desde as súas primeiras edicións. A actriz sempre estivo disposta a colaborar co certame en diferentes formas, como xurado, como participante de coloquios e encontros profesionais e tamén como parte do equipo de películas que pasaron por Cans en edicións pasadas, como «La isla de las mentiras«, de Paula Cons, que abriu a edición de 2020 ou «A estación violenta» de Anxos Fazáns. O Festival de Cans recoñece a súa labor como profesional e o seu apoio sempre xeneroso ao certame. Este ano tamén estará no festival avanzando algunhas novidades dos seus próximos proxectos. 

A actriz e directora debutou no cinema con dezaseis anos na película «Nena» do director Xavier Bermúdez, co cal volveu colaborar en 2008, na película «Rafael». Durante un tempo compaxinou os seus estudos de Enfermería co teatro e en 2009 obtivo o seu primeiro papel relevante na pequena pantalla con «Matalobos» da Televisión de Galicia. A partir de 2013 convértese nunha actriz moi popular, sobre todo a raíz da súa participación en «El tiempo entre costuras», serie de Antena 3 da adaptación da novela de María Donas. 

Chimpín “Divina Campos” será para a artista musical Uxía Senlle (Mos, 1965). En 1985 Uxía comezou no mundo da música gañando o Festival da canción de Carballo. Este ano cúmprense 40 anos da súa carreira como artista e o Festival de Cans quere recoñecer públicamente o seu traballo. Tanto no ámbito de creadora como produtora e impulsora de grupos de mulleres pandereteiras como as Malvela, as Cantareiras do Berbés ou a Señora Carme, neste ano tan simbólico coas Letras Galegas adicado ás Cantareiras. 

Nos últimos anos dirixiu os documentais «Acorda» e «Acordamos», afondando no seu compromiso coa memoria histórica. Alén deste traballo incansable, Uxía é unha embaixadora fiel do Festival de Cans, ao que promove sempre en festivals de todo o mundo. No xardín da súa casa da Illa de Arousa loce orgullosa un can amarelo do festival onde sempre se fotografía cos moitos amigos músicos que a visitan. Varias edicións ten acompañado coas súas cancións o roteiro musical de Xurxo Souto e ten feito colaboracións desinteresadas nos palcos do festival, que van de Tony Lomba a Kepa Junkera, pasando por Lontreira. Uxía é parte de Cans. 

O veciño Adriano Campos, ten 91 anos de vitalidade ademais de ser unha das persoas máis lonxevas da aldea e será quen reciba este ano o Chimpín de Prata pola súa labor desinteresada. Cans quere recoñecer ao señor Adriano como memoria viva da aldea nas súas aportación aos documentais colectivos que impulsa o festival, no labor como xurado dos veciños e na súa enerxia incombustible como actor dos máis veteranos de Galicia na Compañía de Teatro Fontevella. Tivo ademáis un papel clave no asociacionismo na aldea, sendo o primeiro presidente da Asociación de veciños de Cans e unha persoa moi respectada no lugar, polo que loitou pola construción dun centro cultural e por servizos básicos como a luz pública. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS