“Celebramos o Día Internacional da Muller, unha xornada para reivindicar a igualdade, a xustiza e o recoñecemento do talento feminino en todos os ámbitos da sociedade. E nesta ocasión, temos a honra de render homenaxe a dúas mulleres, dúas artistas que levan o seu talento alá onde estean e que nos enchen de orgullo: a nosa soprano e a nosa actriz, gañadoras esta semana polo seu traballo no mundo das webseries, Teresa Novoa e Cristina Maró”, con estas palabras introducía o acto de homenaxe ás mulleres a alcaldesa Nava Castro.
O sábado día 8, Día Internacional da Muller, o Concello de Ponteareas celebrou o acto “Mulleres nas Artes” no que recoñeceu os éxitos destas dúas mulleres ponteareás.
“A Teresa, quero agradecerlle por poñer voz á beleza, por demostrar que a música é unha ponte entre almas, por levar a esencia de Ponteareas a cada escenario e por non porse límites e explorar novos rexistros. A Cristina actriz, presentadora, artista, quero darlle as grazas por facernos pasar bos ratos, por darnos personaxes que nos fan rir, pensar. Unha muller emprendedora que se adentrou nunha nova faceta profesional, a de produtora e a de actriz, e que tamé deu oportunidade a outros catro ponteareáns que traballan na webserie E logo, quen foi? O mundo audiovisual e musical é un espazo competitivo, pero elas demostran que o talento e a perseveranza sempre atopan o seu lugar”.
As dúas artistas ponteareás veñen de acadar os primeiros premios da AGalega.gal, Cristina na categoría “webseries” con “E logo, quen foi?! e Teresa na categoría “Para desconectar” con “A Coral”.
Durante o acto, a alcaldesa reafirmou o seu compromiso coa igualdade. “Queremos que Ponteareas siga sendo un lugar onde a arte floreza, onde as mulleres teñan o recoñecemento que merecen e onde cada nena que soñe con cantar ou actuar saiba que si, é posible, que hai exemplos próximos que demostran que os soños poden cumprirse”.
Pero ademais o concello de Ponteareas celebrou o Día da Muller coa lectura dos microrrelatos gañadores dos concursos literarios, cunha campaña en redes sociais visibilizando as mulleres en distintos sectores e co reparto de cartelería e pegatinas para acceder á información da campaña.
O venres día 7 nas escaleiras da Casa do Concello os voceiros dalgúns dos grupos da Corporación deron lectura ao manifesto do 8M. Ademais, as gañadoras dos concursos de microrrelatos dirixidos a público infantil, xuvenil e adulto “Con tinta feminista” e “Historias de Igualdade” leron as súas propostas e recibiron un agasallo literario da man da concelleira de Benestar Social. Por outra banda, os comercios, cafeterías e lugares públicos de alta afluencia tanto no rural como no centro urbano difunden xa a campaña do Punto Violeta Virtual que se presentará mañá martes ás 18:00 horas no salón de plenos e contará coa presenza de representantes da Garda Civil, Policía Local e responsables de locais de lecer nocturno.
Ao Punto Violeta Virtual pode accederse a través duns códigos QR nos que as persoas atoparán información e teléfonos de contacto que poidan axudar ás vítimas de violencia ademais de recursos de apoio para mulleres.
A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, salienta a importancia deste punto ao que se pode acceder os 365 días do ano a calquera hora e dende calquera dispositivo.