O Auditorio Reveriano Soutullo acolle o sábado, día 15 de marzo, ás 20:00 horas, a clausura da XI edición das Converxencias Portugal-Galicia, co concerto Fusao Tradicional a cargo dos grupos Cantos D’ Aqui e Rusga de Sao Vicente, de Braga.
Os grupos Cantos D’ Aqui e Rusga de Sao Vicente, de Braga, referentes na música tradicional portuguesa, serán os encargados de achegarnos a cultura de Portugal, co obxectivo de estreitar os lazos culturais entre as comunidades galega e portuguesa, evidenciando a semellanza entre as dúas culturas.
O concelleiro de Letras, Ricardo González, convida a toda a cidadanía a participar neste concerto que pecha todo un mes de programación composta por música, danza, teatro, cinema e literatura que dende o día 3 de febreiro se desenvolveu nas localidades de Braga, Padrón, A Estrada e Santiago de Compostela. Amancio Prada e Uxía ou artistas como Ricardo Ribeiro, Artur Caldeira, Isabel Rei Sanmartín, Ana Sofía Carvalheada, José Moças, Daniel Pereira Cristo, Óscar Ibáñez ou a Banda Municipal de A Estrada, son algunhas das voces e músicos que participaron nesta edición.
Concerto fusión tradicional
A Rusga de S. Vicente de Braga — Grupo Etnográfico do Baixo Miño é hoxe unha referencia cultural de prestixio para a cidade que a viu nacer. Como asociación estuda, salvagarda, difunde e promove o vasto patrimonio da cultura popular de tradición.
Máis dunha década reforzando os lazos coa lusofonía
Promovido polo grupo Canto D’Aquí e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta, co apoio doutras institucións como a Fundación Rosalía de Castro, o obxectivo deste festival é dar cumprimento á Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.