lunes, marzo 10, 2025
InicioNewsConcellos +O Teatro Municipal de Tui acolle este venres "As Desterradas", unha historia...

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres «As Desterradas», unha historia de resistencia feminina

“As Desterradas” é o título da obra que este venres, 14 de marzo, ás 21 h presenta Producións Teatrais Excéntricas no Teatro Municipal de Tui, pechando a programación deste primeiro trimestre do ano. 

Unha proposta que se sitúa no século XVI para contar unha historia de loita feminina fronte á opresión. A peza, escrita por Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval, traslada ao teatro o relato dunha pequena comunidade de monxas do século XVI situada á beira do río Miño e ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica. 

Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras, non dubidan en difamalas e ameazalas por todos os medios, dende o tribunal da Inquisición á violencia. Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas súas rutinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos. 

A escritora, Carmen Varela, recibiu por esta obra o 25º premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais. O elenco de “As Desterradas” está formado por Belén Constenla, Melania Cruz, Rocío González, Rebeca Montero, Patricia Vázquez e Víctor Mosqueira. 

A obra ten unha duración de 95 minutos. As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 10€ e 7,5€.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS