jueves, marzo 6, 2025
InicioComarcasBaixo MiñoA Asociación Carnavales de Mañufe, gañadora absoluta do Entroido de Tui

A Asociación Carnavales de Mañufe, gañadora absoluta do Entroido de Tui

Miles de personas ateigaron as rúas de Tui este martes de entroido durante a celebración do Desfile-Concurso de Entroido por onde percorreron as doce comparsas participantes.

A comparsa “Relativerso” da Asociación Carnavales de Mañufe foi a gañadora absoluta do desfile-concurso levando amais o segundo premio en carrozas e o premio de música. O case centenar de compoñentes da comparsa presentaron unha proposta inspirada na teoría da relatividade de Albert Einstein, unindo ciencia e arte nunha viaxe visual e conceptual, tomando coma referencia a paleta Pantone de “2001. Unha odisea no espazo” de Stanley Kubrick e cunha escenografía, inspirada nos espazos imposibles de Maurits Cornelis Escher e nos reloxos brandos de Salvador Dalí.

O segundo premio na categoría absoluta foi para a Asociación Cultural En Loureiro coma Sempre con “Entroido de Picoña” que reflectiu na súa creación as conquistas de Alejandro Magno, levando tamén o primeiro premio na categoría de carrozas.

A Asociación Os da Casa de Vigo con “The Visual Dome” foron os gañadores do terceiro premio na categoría absoluta e tamén do terceiro premio en carrozas. Presentaron unha proposta artística construída usando a IA, cos complementos e a carroza realizados polas persoas integrantes da comparsas de forma artesanal e en boa medida con material reciclado.

En Parodia a comparsa tudense Locos por la Bicis foi a gañadora con “Ave Tui-Valença” co ciclismo coma protagonista e mesmo cunha carroza impulsada por 13 ciclistas.

A comparsa «Pandilla Pirata» de Ponte Caldelas foi a gañadora en coreografía.

Tui despedirá o Entroido o próximo domingo cunha gran festa no Enterro do Bacallau que comezará ás 19.30h na praza de San Fernando.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS