lunes, marzo 3, 2025
InicioNewsActualidadeA Xunta insiste que o AVE con Portugal non chegará ata o...

A Xunta insiste que o AVE con Portugal non chegará ata o 2034 pola «falta de avances do Goberno Central»

O Consello da Xunta avaliou hoxe os prazos pendentes na execución da conexión de alta
velocidade entre Galicia e o norte de Portugal, concretamente en relación coa saída sur
de Vigo, que se demoraría polo menos ata 2034 ante a falta de avances na tramitación
por parte do Goberno central. O Goberno galego insistiu novamente en que os trámites
pendentes fan incompatible a execución desta infraestrutura prioritaria co horizonte inicial de 2032 establecido polo Goberno central e, especialmente, co posterior anuncio de que estará rematada en 2030.

A Xunta avaliou o Informe sobre a conexión de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto ante
a preocupación polo evidente atraso que acumula a saída sur de Vigo ata O Porriño, cuxo estudo informativo, que debería estar rematado o pasado decembro, se anunciou recentemente para antes do próximo verán. Ademais, a partir dese trámite, haberá que proceder á tramitación ambiental, que suporá outros 18 meses, e á contratación e execución do proxecto construtivo, que pode prolongarse a tres anos. A seguir, farían falta entre cinco e seis anos máis para a licitación e execución das obras, dada a súa complexidade.

Segundo estas estimacións, non sería posible, polo tanto, a promesa do Goberno central de conectar Galicia co norte de Portugal en 2032, e moito menos en 2030, que se alcanzaría nos anos 2034 ou 2035. Por este motivo, desde a Xunta insístese na demanda dun calendario claro e dun programa de investimentos para a saída sur de Vigo, imprescindible para darlle continuidade ao eixo atlántico ferroviario.

Desde o Goberno galego lémbrase tamén a necesidade de engadir o ramal que conecte coa terminal marítima de Bouzas, tal e como se demanda desde o porto de Vigo e desde os sectores produtivos galegos, baixo a premisa da total integración na cidade.

Cómpre lembrar que na última presentación do Plan director do Corredor Atlántico por parte do secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible seguiu sen se dar detalle das actuacións nin dos prazos. Nela incluíse a saída sur de Vigo, en fase de planificación, sen mencionar a conexión con Bouzas, polo que non queda claro se se terá en conta.

Faltaría tamén saber da materialización do seguinte treito para a conexión con Portugal, entre O Porriño e a fronteira portuguesa, que non sumou ningún avance nos últimos catro anos e do que o secretario de Estado asegurou que se estaría lanzando o estudo informativo neste primeiro trimestre de 2025.

Ademais, cómpre lembrar que, unha vez executados estes dous tramos, o Goberno de España e Portugal deben negociar a construción e o financiamento dunha nova ponte internacional, un proxecto do que tampouco se ten información.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS