sábado, marzo 1, 2025
InicioNewsActualidadeO Porriño invertirá máis de 300.000 en repavimentar dez viais municipais

O Porriño invertirá máis de 300.000 en repavimentar dez viais municipais

O Concello de Porriño saca a concurso a contratación da obra de repavimentación dunha decena de camiños en distintas parroquias do municipio por valor de máis de 302.000 euros.

Os traballos suporán unha mellora da seguridade viaria en todos os tramos nos que se actúe e se dividirán en dous lotes. Por unha banda, se agrupan cinco camiños en Budiño, nos barrios de Mantelle, Vacaría, A Chan, O Casal e Cerquido.

Pola outra, se actuará na mellora de cinco viais municipais en Torneiros e Pontellas. Todos eles presentan na actualidade un deterioro en diferentes puntos, sendo as fisuras, baches, reposicións de zanxas e degradación xeral da capa de rodadura os problemas máis característicos destacados en ambos proxectos.

«Este é un máis dos varios proxectos que levou e segue levando a cabo o goberno local centrado na mellora dos numerosos viais municipais existentes tanto no centro urbano como nas zonas rurais», destacaba o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

O presuposto base da licitación do primeiro lote é de case 125.000 euros e o prazo de execución da obra é de catro meses. No caso do segundo lote, o presuposto base de licitación ascende a máis de 177.000 euros e se establece o prazo de execución en oito semanas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS