A Garda Civil do Porriño detén a dúas persoas como presuntos autores de 3 delitos de roubo con forza, un deles en grao de tentativa, no Concello de Salceda de Caselas. Os detidos teñen 38 e 21 anos, e o primeiro deles conta con múltiples antecedentes policiais, segundo indica a Garda Civil.
Os feitos foron cometidos durante a madrugada do pasado xoves 27 de febreiro. Por unha banda, entraron en dous supermercados da vila tras forzar o enreixado metálico, onde conseguiron levar os cartos das caixas rexistradoras. O mesmo día intentaron acceder a unha farmacia, mais non conseguiron realizar o roubo.
A investigación foi levada a cabo por axentes do área de investigación da Garda Civil do Porriño en colaboración coa Policía Local de Salceda de Caselas. Tras diversas xestións e coa axuda de inspeccións oculares nos establecementos, localizaron aos autores dos roubos e procederon á súa detención.
As dilixencias xunto aos detidos foron postas a disposición xudicial no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Garda de Vigo.