O Concello de Tui vén de sacar a licitación os últimos catro postos vacantes do Mercado de San Antonio. Dende o 27 de febreiro e até o 13 de marzo as persoas interesadas poden presentar a súa solicitude por rexistro de entrada na casa do concello ou a través da Sede Electrónica do Concello de Tui.
Esta é unha oportunidade única «para persoas emprendedoras e comerciantes que desexen formar parte deste mercado revitalizado, caracterizado pola súa ampla variedade de produtos e servizos diferenciadores» aseguran dende o goberno local.
Os postos dispoñibles son o Nº3 destinado a carnicería cunha superficie de 34 m2, o Nº5 para comida para levar de 17 m2, o Nº12 para Froita e Verdura de 17 m2, e o Nº13 para Alimentación como bacallau e produtos conxelados entre outros de 17 m2.
Con esta licitación, o obxectivo é completar e enriquecer a oferta actual e satisfacer as demandas dos consumidores. O canon base de licitación é de 250€/m2. Así o canón mínimo do posto a 15 anos é de 8.500€ para o posto Nº3 e de 4.250 € para os postos Nº5, Nº12 e Nº13.
Dende o Concello de Tui lembran que «o Mercado de San Antonio, situado na rúa Maristas, foi obxecto dunha reforma integral, así como toda a súa contorna, cun investimento superior aos 2 millóns de euros». Esta modernización transformou a praza de abastos nun espazo máis confortable e eficiente enerxeticamente, reforzando o seu papel como centro neurálxico do comercio local.
A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, destaca que «coa licitación destes 4 postos completarase a oferta do Mercado de San Antonio que se ten convertido en referente, ofrecendo produtos de calidade, de cercanía, e co trato profesional e cercano dos praceiros e praceiras».
As persoas interesadas poden ampliar a información sobre a licitación destes catro postos en tui.gal, na sede electrónica do Concello de Tui e na Plataforma de Contratación do Sector Público.