A banda mexicana de rock en español, Maná, actuará no Monte do Gozo o sábado 5 de xullo, no marco dos concertos do Gozo Festival 2025 impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Turismo.
O Gozo Festival chega neste 2025 á súa terceira edición nun afán da Xunta de Galicia «por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais«, afirma Xosé Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia.
Así, o ciclo de concertos complétase coas actuacións de Anastacia o 16 de marzo en Vigo, Lenny Kravitz o 10 de abril na Coruña, David Guetta en Santiago o 6 de xullo, Alanis Morissette o 9 de xullo na Coruña, Bright Eyes o 11 de xullo en Santiago de Compostela e Lionel Richi o 31 de xullo na Coruña. Ademais, dende a organización aseguran que «nas vindeiras semanas haberá máis artistas e cidades por confirmar».
A maiores, a banda mexicana estará acompañada no seu concerto por artistas invitados, que todavía non están revelados. As entradas sairán á venda o vindeiro xoves 6 de marzo na páxina web de Ticketmaster ás 12:00h.
“É salientable o impacto turístico e económico do Gozo Festival, un evento que, espallado ao longo de todo o ano, axuda a desestacionalizar o noso turismo”, apuntou Merelles ao tempo que remarcou “a importancia de que Galicia acolla espectáculos deste nivel, que son capaces de atraer a milleiros de persoas e que contribúen a diversificar o noso turismo nos diferentes momentos do ano ademais de xerar emprego e gasto nas cidades que o acollen».