A Biblioteca Municipal das Neves estrea un novidoso programa de actividades anual en colaboración coa Biblioteca Municipal de Monçao. O proxecto, denominado «Cultura entre fronteiras» ou «Cultura entre margens», consiste nun programa de intercambio cultural e de amizade co país veciño.
A iniciativa ten por obxectivos promover o intercambio cultural entre Monçao e As Neves, pondo en valor as semellanzas e diferenzas como punto de enriquecemento e fortalecer lazos históricos e culturais entre Portugal e Galicia.
Ademais, dende a organización aseguran que un dos fins principais é «dinamizar os espazos culturais locais tornando as bibliotecas en centros vivos de encontro, partilla e aprendizaxe» e agardan que a iniciativa «sirva de exemplo para futuras colaboracións e que tamén o fagan outras bibliotecas da raia galego-portuguesa«.
O programa anual está composto por cinco actividades, tendo lugar a primeria delas o vindeiro mércores 5 de marzo e a última o sábado 29 de novembro.
A primeira actividade programa trátase da tertulia ‘Mulleres Raianas’ que se realizará na Biblioteca Municipal de As Neves ás 18:00h, enmarcada no Día da Muller.
As seguintes propostas previstas son a tertulia ‘O falar das marxes’ o 14 de maio na Biblioteca Municipal de Monçao, o percurso poético ‘A Galiza mail’o Minho’ o 14 de xuño, dúas xornadas de xogos tradicionais para nenos e nenas o 22 e 23 de xullo e dúas xornadas turísticas polas vilas de Monçao e As Neves o 25 de outubro e o 29 de novembro.