A Biblioteca Municipal de Salvaterra de Miño estrea un sistema de acceso autónomo que funciona a través dunha tarxeta que permitirá aos usuarios e usuarias facer uso das instalacións nun horario máis amplo.
Así, gracias a este novo sistema, os usuarios que desexen empregar as instalacións para estudar, poderán facelo accedendo ao espazo coa súa tarxeta identificativa. O horario para o uso deste servizo será de 8:00h a 22:00h de luns a venres, sendo ampliado ata as 00:00 as fins de semana.
As persoas que desexen solicitar a tarxeta, poderán facelo a través do formulario que atoparán na páxina web do Concello ou ben solicitando o impreso presencialmente no edificio consistorial. Unha vez cuberto, deberán presentalo por rexistro ou a través da sede electrónica.
«A implantación deste novo sistema supón unha nova aposta por este espazo inaugurado en 2022 e que manifestou dende entón un incremento de servizos e actividades» aseguran dende o goberno local.