sábado, marzo 1, 2025
InicioNewsActualidadePonteareas aproba o contrato da adxudicación do SAF coas traballadoras en contra

Ponteareas aproba o contrato da adxudicación do SAF coas traballadoras en contra

O Concello de Ponteareas vén de celebrar na noite do pasado martes o seu pleno ordinario do mes de febreiro. Nel, contouse coa participación no público das traballadoras do SAF, a comunidade atlética do Condado e unha representación da comunidade educativa do IES do Barral, entre o público en xeral.

Servizo de Axuda no Fogar

Por unha banda, o goberno, formado polos grupos municipais do Partido Popular, ACIP e Independentes de Ponteareas, aprobou a contratación para a adxudicación do SAF, a un prezo de 20,78 €/hora, co «fin de ampliar o servizo de axuda, sendo este o contrato máis grande que ten o Concello de Ponteareas e que aumenta en máis do dobre as horas do actual existente» aseguraba o voceiro, Francisco Jesús Represas.

A defensa causou o malestar tanto dos grupos da oposición, conformada por BNG, PSOE e PEC, como das traballadoras do SAF que se atopaban entre o público. A tal causa, os grupos da oposición, PSOE, BNG e Ponteareas en Común renunciaron ao seu tempo de réplica no pleno en favor das traballadoras, que puideron expresar ante os micros o seu malestar.

Pola súa parte, as traballadoras manifestaron que de non mellorar as súas condicións paralizarían o Servizo de Axuda no Fugar, afirmou a voceira, Digna Cardoso. «Vamos para os servizos. Aquí nadie vai traballar por menos do que nos corresponde», aseguraba.

Plan Integrado de Actuación de Ponteareas

Tamén foi aprobado o Plan de Actuación Integrado de Ponteareas que solicitará aos Plan EDIL unha suma de 15 millóns de euros destinados a «dez grandes proxectos que configuran un desenvolvemento máis sostible, equilibrado e inclusivo». Entre eles, destacan accións como «a mellora dos servizos sociais, rexeneración do espazo urbano ou a rehabilitación de vivendas para destinalas ao alugueiro social».

Os grupos da oposición engadiron e coincidiron na súa maioría en que «esta inversión é moi necesaria para a vila» mais mostran o seu rexeitamento «á falta de consulta pública coa veciñanza, asociacionismo e grupos municipais da oposición».

Acceso peonil ao IES do Barral

De seguido, o punto a tratar foi a accesibilidade peonil do IES do Barral, onde os grupos da oposición cederon á comunidade educativa a súa quenda de palabra.

Alí, a representante da comunidade educativa solicitou ao goberno que «o espazo diante do IES sexa de uso exclusivo para a comunidade educativa e que deixe de ser un espazo para cambio de sentido de vehículos e camións», ao mesmo tempo, tamén solicitou «un acceso seguro ao IES do Barral coa construcción de beirarrúas » ademais da adecuación do «camiño alternativo existente pola parte de atrás do instituto».

Pola súa banda, o goberno local asegurou que «levamos traballando moito tempo nesta problemática tan grande» e afirmou estar «moi condicionados debido a que a estrada é estatal«. Do mesmo xeito, notificaron que «fai mes e medio que se solicitou a cesión da N120 ao seu paso urbano por Ponteareas».

Construcción pista de atletismo

A comunidade atlética de Ponteareas tomou a palabra e explicou as súas peticións, tras a cesión do tempo por parte dos grupos municipais da oposición, que finalmente non puideron intervir en tempo e «solicitarán un pleno extraordinario co fin de expresar a súa postura sobre este tema» segundo indicaron nun comunicado conxunto as tres forzas políticas, BNG, PSOE e PEC.

Os corredores e corredoras reclaman que «a decisión foi tomada sen ter en conta a opinión nin dos clubs nin das e dos atletas, a pesar de que se presentaron 600 sinaturas solicitando diálogo ao goberno co fin de reformular o proxecto».

«Temos moi claro que unha pista de 200 metros ou un módulo cuberto non son a solución nin melloraría en nada as instalacións existentes en Ponteareas» aseguraba o voceiro.

Pola súa parte, a alcaldesa, Nava Castro asegurou que «o módulo cuberto é a opción máis viable e seguirémos defendendoa«. A maiores, o edil encargado da área de deportes do Concello de Ponteareas, Luís Rodríguez, non se atopaba presente na sesión plenaria.

Modificación do Regulamento Orgánico Municipal

A modificación do Regulamento Orgánico Municipal, na que se propón «unha reducción nos tempos de intervención tanto do goberno como da oposición», segundo asegurou o voceiro do Partido Popular, Francisco Jesús Represas foi aprobada en pleno. Esta modificación ten por obxectivo «gañar axilidade e poder debater todas as cuestións presentadas en cada pleno».

Os grupos da oposición mostraron o seu rexeitamento alegando que «calquer tipo de acortamento nos tempos de intervención é antidemocrático».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS