O Concello de Ponteareas convoca dous certames de microrrelatos con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. O concurso está dividido en dúas partes, por unha banda un certame dirixido a persoas maiores de 18 anos e outro para escolares menores de 18 anos.
En ambos casos, as obras presentadas deberán ter un máximo de 250 palabras de libre elección que inclúan obrigatoriamente referencias ou unha reflexión acerca da igualdade e o feminismo.
O obxectivo dos concursos é fomentar a reflexión sobre a igualdade de xénero a través da escritura creativa, promovendo valores de equidade, respecto e xustiza social mediante a literatura breve. O prazo de presentación remata o vindeiro sábado 1 de marzo ás 23:59h para ambas convocatorias.
O certame dirixido ao público menor de 18 anos divídese en dúas categorías: infantil e xuvenil. A infantil, destinada a nenos e nenas de entre 9 e 13 anos; e a xuvenil dos 14 ao 18 anos.
Neste caso, a participación deberá ser xestionada a través dos centros educativos, non estando permitida a participación presentada individualmente polos mozos ou mozas.
Por outra banda, no certame dirixido a maiores de 18 anos, a persoa participante deberá cubrir o seguinte formulario e enviar como arquivo adxunto o microrrelato en formato PDF ao correo electrónico ponteareasc@gmail.com.