O CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas contará dende este martes cun novo punto de encontro para as familias do alumnado do centro. O proxecto chámase ‘Bibliofamilias‘ e está enmarcado no programa Lectura e Familias da Xunta de Galicia.
O programa Lectura e Familias é unha axuda que a Xunta de Galicia ofrece aos centros educativos e ten por obxectivo estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, formándose e participando en experiencias de lectura.
Tras a concesión do programa, dende a biblioteca escolar do centro crearon este espazo para as familias, habilitando unha sala contígua á biblioteca destinada aos nenos e nenas do centro, onde se poderán atopar tanto libros de narrativa para adultos como libros relacionados coa educación e a aprendizaxe no proceso de educar.
As familias que desexen empregar o servizo, poderán facelo todos os martes de 16:00h a 17:00h e levar o libro que queiran a casa por un período de 15 días ou un mes.
Dende o centro aseguran que «este espazo está pensado para ser un lugar de encontro entre familias, no que poidan compartir opinións e sexa un punto de apoio na grande tarefa de educar e acompañar aos seus fillos e fillas».
O novo espazo será inaugurado este martes 25 de febreiro ás 16:00h, momento dende o cal entrará en funcionamento o préstamo de libros. Ademais, tamén haberá petiscos para os asistentes.