O Concello de Salvaterra de Miño vén de reunirse cos locais de hostalaría do municipio co fin de organizar a que será a II Edición da Ruta Pinchoterra, unha proposta gastronómica que naceu fai un ano «deixando bo sabor de boca entre o público», aseguran dende o goberno local.
A II Ruta Pinchoterra chega, «tras os éxitos acadados na anterior edición con máis de
12.500 pinchos vendidos», con algunhas novidades. Neste 2025, a ruta terá lugar no mesmo mes de abril pero ampliándose unha xornada máis que o ano anterior.
Deste xeito, este ano 2025 todas aquelas persoas que queiran degustar os petiscos poderán facelo tanto os xoves como os venres do mes de abril. En total, serán máis de 20 os locais do casco urbano e das parroquias que «ofertarán entre os consumidores propostas gastronómicas diferentes, petiscos elaborados e coa esencia de cada establecemento» informa a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel.
Ao igual que na edición anterior, as persoas que participen na ruta deberán selar un pasaporte cun total de seis selos diferentes e votar polo seu petisco favorito, para entrar no sorteo de varios premios.
Dende o goberno local aseguran que «esta ruta é unha actividade máis de dinamización do comercio e hostalaría que o Concello de Salvaterra de Miño organiza en colaboración cos establecementos do municipio».