O goberno local de Mos vén de reunirse cos responsables da comercializadora eléctrica Unión Fenosa e cos veciños e veciñas afectadas polas incidencias eléctricas e cortes de subministro de luz a finales do pasado mes de xaneiro nas parroquias de Petelos, Tameiga, Pereiras e Sanguiñeda.
Os responsables de Fenosa expuxeron que ditas incidencias foron provocadas á causa da afección por parte da biomasa ás liñas de media e alta tensión. Co fin de subsanar esta situación, e segundo informaron os responsables da empresa, xa comezaron os traballos de limpeza que inclúen desbroce e tala de árbores.
O obxectivo con estes traballos é deixar libre de masa vexetal unha área de afección de 16 metros baixo o cableado de tensión.
Por outra banda, a empresa indicou que está tramitando a activación en Mos do protocolo especial de actuación prioritaria para as vivendas nas que residen persoas cuxa saúde e supervivencia dependen dun aparello eléctrico.
Así mesmo, dende a concellería de Medio Ambiente mosense, fan un chamamento á cidadanía para «lograr evitar as máximas afeccións posibles» e lembrar á veciñanza «a obriga de deixar limpa e libre de ramas e árbores unha marxe de cinco metros dende as súas propiedades ata calquera tipo de tendido eléctrico«.