O Concello de Salceda de Caselas vén de presentar a que eles mesmos denominan como «a súa festa máis tradicional e imporante»: o Entroido. Unha festividade que conta con máis de 135 anos de historia no municipio, dende que os barrios do Castro Barreiro e da Feira se enfrontan na súa particular batalla por ter o mellor entroido.
Durante a presentación, o Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez e a Alcaldesa, Loli Castiñeira, expuxeron os diferentes actos organizados ao longo de toda a fin de semana, falando de “tres Entroidos en un”, en referencia aos tres grandes desfiles que se organizan en Salceda: o desfile escolar con máis de 1500 persoas de 0 a 18 anos o venres 28 de febreiro, máis de 1200 no XXVI desfile de carrozas e comparsas o domingo 2 de marzo, para o cal aínda está aberto o prazo de inscrición, e cerca de 400 persoas no enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira que terá lugar o martes 4 de marzo.
Eva e María de Castro Barreiro, e Sofía e Benito da Feira encargáronse de poñer a parte de enfrontamento na presentación deste peculiar entroido, iso si, «sen soltar nin a máis mínima información», aseguraba Castiñeira. Os integrantes da Feira e Castro Barreiro adiantaron que será o xoves 27 de febreiro cando se desvele o cartel da verbena que haberá nos dous barrios na noite do luns 3 de marzo, así como os chistes e sátiras que o acompañan.
Alex Rodríguez definiu precisamente a Castro Barreiro e A Feira como o “motor do Entroido salcedense«, e dos que partiron moitos outros entroidos nas últimas décadas. O concelleiro quixo ademais destacar que» este é un traballo en equipo, no que agradeceu o traballo das catro persoas que forman o equipo de goberno, así como do persoal municipal e o voluntariado preciso para levar a cabo a programación».
Loli Castiñeira informou tamén do traballo que se está a rematar estes días para completar a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico, con incorporación dos últimos pasos dados na recuperación do Entroido tradicional co rancho e os cabaleiros por parte do barrio da Feira.
Ademais, este ano por vez primeira instalarase un punto violeta na verbena do luns, nesta ocasión no torreiro do barrio da Feira, e que cada ano estará nun dos torreiros de xeito rotativo. O punto contará con persoal especializado que atenda posibles incidencias, dúbidas e todas as cuestións que poidan xurdir sobre casos de violencia machista, acoso sexual ou similares.
