Tui organiza a cuarta edición das Xornadas Rosendo Salvado, dedicadas á reivindicación do excepcional legado que este egrexio tudente aportou ao longo da súa vida. A iniciativa terá lugar do martes 25 de febreiro ao sábado 1 de marzo.
A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, explica que a figura do tudense Frei Rosendo Salvado Rotea (1814-1900) «é unhas das personalidades tudenses de maior proxección, interese e actualidade. A súa traxectoria atinxe a numerosos aspectos, dende a súa dimensión como misioneiro nas terras de Australia, a súa faceta como músico, investigador etnográfico ou naturalista, o seu labor de promoción da multiculturalidade ou dos dereitos humanos como defensor da existencia dunha única raza humana».
O programa deste 2025 comezará o próximo martes, 25 de febreiro, ás 19.30h no novo espazo sociocultural da rúa Camilo J. Cela coa conferencia «A viaxe infinita de Rosendo Salvado» a cargo de Valentín Carrera, xornalista e director da serie documental sobre Salvado. Na mesma Valentín Carrera ofrecerá o relato da súa experiencia sobre o descubrimento e fascinación ao redor da figura de Rosendo Salvado ao tempo que revisará o proceso de produción da serie documental que ten dirixido sobre este persoeiro tudense.
No mesmo espazo sociocultural da rúa Camilo J. Cela o mércores, 26 de febreiro, ás 19.30h terá lugar a conferencia de Xoán M. Carreira e Maruxa Baliñas: “Salvado y la Sociedad Filarmónica de Perth”. Xoán Manuel Carreira e Maruxa Baliñas son dous afamados musicólogos galegos, editor e directora respectivamente do diario musical “Mundoclásico”, ambos teñen estudado en profundidade a traxectoria musical de Rosendo Salvado, con especial incidencia nos fontes australianas e nos ofrecerán unha visión do labor musical de Salvado en Perth.
Xa o xoves, 27 de febreiro, ás 19.30h a cita será na Casa de Galicia de Madrid coa presentación e estrea da serie documental “Rosendo Salvado, aventura e misión dun galego en Australia” dirixida por Valentín Carrera. No acto estará presente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.
O programa rematará o sábado, 1 de marzo, data do CCXI aniversario do nacemento de R. Salvado en Tui. Ás 11.30h dende a praza de San Fernando cun Paseo “Salvadiano” no que se realizará un percorrido polo lugares vinculados a Rosendo Salvado. Rematará, ás 12.30h, coa colocación dunha coroa de loureiro na casa Natal de Rosendo Salvado, na rúa que leva o seu nome.
