viernes, febrero 21, 2025
InicioNewsActualidadeSalceda estreará un punto TIC para axudar ás persoas maiores co uso...

Salceda estreará un punto TIC para axudar ás persoas maiores co uso da tecnoloxía

O Concello de Salceda de Caselas estreará a vindeira semana un punto TIC deseñado para axudar ás persoas maiores a resolver os problemas que lles poidan xurdir co uso da tecnoloxía.

A iniciativa, xestionada pola Fundación Esplai, parte dunha investigación nacional na que participou o Concello e na que a través dunha formación de uso de smartphone para persoas maiores realizada no municipio se acadaron resultados acerca das necesidades que tiñan estas persoas no uso da tecnoloxía. E precisamente, era esta unha das propostas solicitadas, un punto ao que poder acudir co fin de resolver dúbidas.

Deste xeito, e tras a presentación do plan, a Fundación Esplai leva a cabo esta proposta convertindo a Salceda de Caselas no primeiro municipio de Galicia que vai desenvolver este proxecto.

O punto TIC estará dispoñible os últimos mércores dos meses de febreiro, marzo, abril e xuño en horario de 9:00h a 13:00h nas oficinas exteriores da Casa do Concello. As persoa deberán achegarse ao Punto TIC e solicitar a atención, que poderá ser inmediata se as formadoras están libres ou baixo cita nese mesmo día.

Concretamente no mes de febreiro, o punto TIC estará en Salceda de Caselas o vindeiro mércores día 26 para resolver ás dúbidas que lles xorden ás persoas maiores co uso de móbiles ou tablets.

«O noso obxectivo é que sexa un servizo o máis accesible posible para as persoas maiores. Por ese motivo, eleximos os mércores para dar este servizo, coincidindo co día de mercado no centro da vila, onde moitos dos nosos maiores se achegan de forma habitual» informa Selene González, concelleira de Benestar Social do Concello de Salceda.

As sesións serán impartidas por dúas educadoras sociais especializadas nas TIC, e segundo informan dende o goberno local «a intención principal é poder ensinar e acompañar aos maiores, e non só resolver a dúbida en concreto». «O obxectivo é que eles poidan desenvolverse sós e empregar as TIC para cousas tan fundamentais como solicitar unha cita médica ou comunicarse coa familia a través do Whatsapp».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS