O vindeiro domingo conmemórase o nacemento de Rosalía de Castro e o Concello do Porriño organiza un programa de actos para festexar o 188 aniversario desta escritora galega que une poesía, música e gastronomía e que contará coa actuación de Xisco Feijoo.
As concellerías de Cultura e de Normalización Lingüística, dirixidas por Bienvenido Estévez e Carolina González, respectivamente, e a Xunta de Galicia colaboran por terceiro ano consecutivo coas actividades que organizan con tal motivo os equipos de Dinamización da Lingua Galega dos institutos Pino Manso e Ribeira do Louro e os colexios Santo Tomás e Hermanos Quiroga.
Deste xeito, o vindeiro venres 21 de febreiro realizarase un programa homenaxe na Praza do Cristo que leva por nome «Caldo de Gloria», inspirado nun dos poemas da propia Rosalía, “Miña casiña meu lar”. O acto dará comezo ás 11:00h.
Tras a presentación da actividade, procederase á lectura de manifestos por parte do alumnado e posterior recitais poéticos dos centros. Cara ao mediodía, a artista Laura cantará “Caldo de Gloria”, e deseguido poderase degustar este caldo, elaborado polos hostaleiros do Porriño.
Ademais, o goberno local remarca que a finalidade desta actividade é a homenaxe ao labor feito nas Letras Galegas por Rosalía de Castro e co obxectivo tamén de dinamizar e prestixiar o uso da lingua galega, non só a través da poesía senón tamén mediante a música».
Neste senso, o acto estará amenizado polo cantante, bailador e presentador de televisión Xisco Feijoó, que lle achegará ao escolares a música tradicional galega a través do canto e dos instrumentos.
