O Concello de Tui elabora un programa de actividades con propostas infantís, poemas na rúa e degustación do Caldo de Gloria para celebrar o Día de Rosalía o vindeiro luns 24 de febreiro.
As actividades darán comezo ás 12:00h no novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela cunha actividade para o alumnado dos primeiros cursos de Educación Primaria a cargo da compañía ‘Trémola Teatro’. A actriz Paula Regueiro será a encargada de conducir o contacontos ‘Historias soñadas’, un espectáculo creado a partir de textos e da vida de Rosalía de Castro que mestura poesía, cancións e música para acehgar ás crianzas a unha das figuras máis importantes da nosa cultura.
Pola tarde, ás 17:30h a Biblioteca Municipal acollerá o obradoiro ‘Facer chapas con Rosalía‘ no que as nenas e nenos realizarán diferentes chapas da autroa, xogando con diferentes versos e imaxes, despois de coñecer algúns dos aspectos máis relevantes da súa vida e obra. A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos que sexan socios da Biblioteca Municipal de Tui.
Ao longo da xornada do luns na Biblioteca Municipal estará “A figueira de Rosalía”, na que as persoas usuarias están convidadas a engadir un poema seu ou de Rosalía como unha nova folla desta árbore que irá medrando ao longo deste día.
Ademais, durante a xornada será posible degustar o ‘Caldo de Gloria’ nos restaurantes colaboradores, que nesta edición son: Emma Tapas&Bruch, Empanadaría Aloia, Restaurante “El Molino”, Restaurante “O novo Cabalo Furado” e Restaurante “O Cruceiro do Monte”.
Esta é unha iniciativa promovida dende a Fundación Rosalía de Castro a partir do poema “Miña casiña, meu lar” de Rosalía, no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada,consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz.
Ademais, en diversos lugares do centro de Tui estarán colocadas lonas con poemas de Rosalía de Castro «para lembrar esta data e divulgar a súa obra poética entre a veciñanza» aseguran dende o goberno local.