O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vén de informar de que o Consello acordou convocar unha nova edición do “Bono alugueiro mocidade” por un importe de preto de 13 millóns de euros.
A apertura do prazo de presentación de solicitudes comezará o vindeiro 28 de febreiro, segundo explicou Rueda, e prolongarase ata o 28 de marzo.
O obxectivo deste programa é facilitarlles aos mozos e mozas menores de 36 anos o
pagamento da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros ao mes, sempr e cando esta contía non supere o importe que aboan en concepto de arrendamento.
«Trátase de facilitarlle o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento ou de cesión de uso á xente nova con menos ingresos económicos, mediante o outorgamento de axudas
directas ás persoas arrendatarias» informaba o titular do executivo galego.
A subvención será concedida por un período de dous anos, coa posibilidade de recoñecer o dereito á axuda desde o 1 de xaneiro de 2025, sempre que o contrato estivese vixente nesa data. Para contratos asinados con posterioridade, concederase desde a data do contrato, sen que poidan concederse con posterioridade ao 31 de decembro do 2026.
Para poder acceder a estes incentivos, Rueda explicou que ademais de “ser menores de
36 anos” no momento de pedir a axuda, os solicitantes deberán dispor dunha fonte
regular de ingresos, “acreditar que estes non superan 3 veces o Iprem (25.200 euros)” e certificar que a vivenda en cuestión é a súa residencia habitual, entre outros requisitos.
En canto ao importe da renda de alugueiro, non poderá superar os 700 euros nas
cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra. No caso dos
municipios de Lugo, Ferrol e as contornas da cidades, esas contías máximas oscilarán
entre os 600 e 500 euros. No resto dos concellos, a renda de alugueiro das vivendas non poderá exceder os 400 euros.