As instalacións da antiga escola da Revolta de Parderrubias acolle, dende hai meses, o «Obradoiro Social A Revolta» no cal a Asociación Veciñal Santo Tomé de Parderrubias está a desenvolver as súas iniciativas. Tras o traballo da entidade veciñal, presidida por María Rodríguez, este edificio ten unha nova vida e acolle agora ás persoas maiores que fai décadas asistiron a esas mesmas instalacións na súa época escolar.
A xefa da unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno, Mª José
Rodríguez, xunto coa alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, a concelleira de benestar social e igualdade, Selene González, e unha representación da directiva da Asociación Veciñal Santo Tomé de Parderrubias veñen de visitar as instalacións co fin de apreciar as actividades que agora se realizan nela.
O proxecto de atención a persoas maiores conta nestes momentos con 15 asistentes que, da man dunha educadora social, realizan tarefas que melloran a súa saúde mental e a súa autonomía, ao mesmo tempo que favorece a conciliación das familias.
Ademais da educadora, resulta fundamental a participación de voluntariado, que permite ofrecer un amplo abano de actividades tanto para maiores como para a rapazada da parroquia. Así, as persoas asistentes poden realizar tarefas de manualidades, pintura, ganchillo, xogos de mesa, lectura ou puzzles.
María Rodríguez, presidenta da Asociación Veciñal Santo Tomé de Parderrubias, manifestaba a súa ilusión e agradecemento por seguir recibindo apoio para un proxecto que “cambia a vida de tantas persoas que foron quen de dalo todo por nós na súa xuventude, e ás que agora nos toca devolverlles todo ese cariño”.
Pola súa banda, Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, definiu o proxecto como “un proxecto pioneiro, exemplo do que pode conseguir a nosa sociedade cando traballa en conxunto”, e amosou o seu desexo de que este puidese ser un proxecto extrapolable ás demais parroquias de Salceda.