O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe a licitación nos próximos meses do proxecto do novo centro de saúde de Mos, no complexo sociosanitario do Rebullón, que ampliará nun 40 % a superficie do actual.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado da delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz; e do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, desprazouse ao concello de Mos, coincidindo cunha visita preparatoria de traballo dos técnicos do Servizo Galego de Saúde, para coñecer de primeira man o que cualificou como un dos proxectos máis importantes que está a impulsar a Consellería de Sanidade.
A visita dos técnicos, explicou, enmárcase nos traballos previos á licitación e ten como función supervisar e definir a adaptación do espazo ao plan funcional, tendo en conta os parámetros arquitectónicos marcados para o gran complexo sociosanitario do Rebullón. Ese traballo fará posible empezar a traballar nos pregos de licitación da redacción do proxecto.
Tal e como detallou o conselleiro, o novo centro de saúde terá máis de 2.300 metros cadrados que permitirán ampliar a carteira de servizos nun espazo máis accesible, confortable e humanizado.
As novas instalacións van ter dúas consultas máis de docencia, incrementando o número de residentes que se poderán formar nestas dependencias. Así mesmo, disporá dunha área pediátrica específica que unirá as consultas de pediatría e enfermería, contando cunha sala de espera diferenciada da dos adultos.
Outras melloras do novo centro de saúde será unha sala de educación sanitaria que se integrará na área da muller, na que se poderán realizar programas de rehabilitación de solo pelviano.
Destacou o conselleiro, así mesmo, máis espazos renovados entre os que citou a área de fisioterapia, que pasará a ocupar 200 m².
Xunto ao anterior, o centro contará con catro salas polivalentes para adultos, permitindo reservar unha para atención de pacientes con infeccións respiratorias e outra para urxencias.
Colaboración institucional
O conselleiro de Sanidade puxo en valor que este complexo socionsanitario que se levará a cabo é un exemplo da colaboración institucional en beneficio da cidadanía. Ao respecto, o esforzo compartido do Concello e das Consellerías de Política Social e de Sanidade vai posibilitar este proxecto que contempla servizos de alta calidade para Mos e a súa veciñanza.
Entre esas novas instalacións destaca unha gardería, un dos primeiros centros de coidados intermedios da Xunta, unha residencia de maiores e un centro de saúde, o que, segundo o conselleiro, posibilitará unha asistencia de calidade tanto a pacientes, como a bebés e maiores.
As pautas arquitectónicas do proxecto do centro de coidados intermedios, cuxas actuacións lidera a Consellería de Política Social, serán as que marquen o deseño do novo centro de saúde.
Aposta pola atención primaria
Gómez Caamaño dixo que este novo centro de saúde consolida a aposta da Xunta pola modernización da atención primaria. Ao respecto, os orzamentos do Goberno galego recollen 1.600 millóns de euros para este nivel asistencial, dos que unha parte importante vai para infraestruturas como o Olimpia Valencia, o centro de saúde de Moaña o de Ponteareas ou este de Mos.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu ao Concello de Mos o seu apoio e colaboración nesta iniciativa da Xunta na procura de centros de saúde máis accesibles e eficientes.