O concelleiro de Cultura e Xuventude do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou xunto a David Filgueira da Asociación Astronómica Sirio un plan elaborado conxuntamente para poder gozar dos eclipses de xeito seguro. Ademais, explicou que “son os nosos especialistas de Pontevedra en observación astronómica e con eles imos realizar unha actividade moi interesante de quecemento para o que se ven: o trío de eclipses que teremos nos próximos anos, un fenómeno astronómico que probablemente sexa único nas nosas vidas e, este ano o 29 de marzo hai un eclipse previo que vai ser tamén moi espectacular porque falamos de que se cubra case o 31% do sol”.
Antes, para fomentar que a poboación pontevedresa goce de xeito seguro dos fenómenos que están por vir, Demetrio Gómez anunciou unha xornada de formación. Esta terá lugar o martes 18 ás 18:00 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Ademais, explicou que “está aberta a calquera persoa pero no caso de que teñamos máis demanda que prazas, imos priorizar a profesores e profesoras, directivos de ANPAS e profesionais de empresas de tempo de lecer, xa que iso nos permite despois chegar a moito máis público”.
Posteriormente, está previsto un evento de observación pública do fenómeno. Este celebrarase o sábado 29 de marzo ás 10:40 horas na Ponte do Burgo coa dirección da man da Asociación Astronómica Sirio. Alí, repartiranse 2000 lentes. Ademais proporcionarase asesoramento e información de diversos métodos de observación dispoñibles.
Demetrio Gómez aclarou que “o sábado 29 a partir das 10:15 horas da mañá estaremos na Ponte do Burgo para observar o eclipse que se vai producir este ano. Grazas a Asociación Sirio imos contar alí cunha serie de materias que nos van permitir observar o eclipse, tanto directa como indirectamente, algún telescopio.»
Ademais, o concelleiro transmitiu o porqué do lugar elixido para esta actividade detallando que «escollemos a Ponte do Burgo porque o eclipse comeza sobre as 10:40h e a es hora o Sol está cara o leste de Pontevedra e ese e punto con mellor visibilidade. Se acompaña o tempo poderemos realizar esta actividade e se non, quedamos aprendidos para a seguinte, que será en agosto”.
Reunión Formativa
A reunión formativa terá lugar o martes 18 ás 18:00 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Esta é unha formación práctica para a que se precisa inscrición, que debe tramitarse a través do correo de xuventude@pontevedra.gal.
Con esta reunión preténdese informar sobre os riscos que pode ocurrir se se olla directamente ao sol/ eclipse. Tamén, transmitir os coñecementos dos métodos de observación segura de forma indirecta, no que se inclúe aprender a construír un mecanismo de observación caseiro. Por último, se pretende trasladar a importancia do evento astronómico deste ano e os seguintes.
Eclipses
No fenómeno do 29 de marzo a porcentaxe de ocultación do Sol será de preto do 31%. Pola contra, o 12 de agosto do 2026 será total en Galicia. Tamén, haberá eclipses o 2 de agosto de 2027 cun 77’16% e o 26 de xaneiro de 2028 cun 72,16%.
