O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou no Museo do Pobo Galego na presentación do Laboratorio de Cantigas Novas. Este laboratorio foi impulsado polo Concello de Ortigueira, e que puxo en valor pola súa “importante contribución para conservar e protexer este valioso legado que forma parte do patrimonio inmaterial, clave na identidade e cultura galegas” sinalou o conselleiro.
O responsable de Cultura do Goberno galego celebrou que, no mesmo ano que se lle dedica o Día das Letras Galegas ás canteiras, se poña en marcha dende marzo ata xullo este laboratorio, a través da Área Formativa do Festival Internacional do Mundo Celta. Neste senso, salientou o feito de que pretenda converterse “nunha escola de referencia en Galicia para recuperar e renovar a poesía popular galega, con tanta relevancia na riqueza da nosa tradición cultural”.
Por este motivo, o conselleiro agradeceu esta iniciativa, impulsada desde a Administración local, porque suma e fornece «ás que leva a cabo a autonómica, facendo fincapé nos esforzos da Xunta de Galicia na conservación e preservación para as xeracións futuras deste patrimonio inmaterial. En concreto, apuntou á recente incoación da declaración de Ben de Interese Cultura da música e bailes tradicionais, “coa que lle outorgaremos a xusta e máxima protección”.
Posta en valor de xoias literarias
Nesta estratexia de coidado, proxección e posta en valor do “inxente patrimonio inmaterial co que conta Galicia”, López Campos considerou “moi positiva” a creación deste laboratorio porque, segundo salientou, “daralle visibilidade ao noso cancioneiro popular e sobre todo, a importancia que este revestiu para a conservación da tradición oral e da nosa lingua”. “Estamos ante xoias literarias que conservan un anaco da nosa historia imprescindible para entender o noso presente”, enxalzou.
Ademais, o conselleiro subliñou o “carácter anovador” deste proxecto por ir “un paso máis alá” traballando co alumnado na creación de pezas novas e “conxugar así tradición e contemporaneidade”, á vez que “introduce elementos que atraian as novas xeracións”. Nesta liña, destacou que non só contribúe a implicar a mocidade na conservación deste patrimonio, senón tamén a fomentar a seu potencial creativo, ao tempo que se suman a uso da lingua galega, “propiciando un maior emprego e prestixio”.
Tamén, considerou que a mocidade participante poderá sentirse “digna sucesora” do traballo iniciado polas cantareiras por “conservar, difundir e engrandecer as diversidade e riqueza da tradición cultural que temos dentro de Galicia”, remarcou. Finalmente, agradeceu a implicación nesta “posta en valor compartida” dos coñecidos músicos e compositores, Ugía Pedreira e Óscar Górriz, como directores do laboratorio.
Relación co Festival Internacional do Mundo Celta
Na presentación tamén participou o director xeral de Turismo, Xosé Merelles, quen salientou a importancia de eventos coma o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira que achega “identidade e personalidade” ao destino turístico galego.
Ademais, indicou que a súa traxectoria entronca coa estratexia do Goberno galego de consolidar a Galicia como sede de grandes citas nacionais e internacionais. Enmarcado nos Concertos do Xacobeo, engadiu, «é unha das citas máis multitudinarias de toda España cunha gran capacidade de atracción”. Isto tradúcese nas altas cifras de visitantes durante o mes de xullo que supoñen o 34% de todo o ano. Ademais, precisou que o pasado ano 2024, os turistas internacionais incrementáronse neste territorio o 11% procedendo principalmente de Reino Unido, Francia e Alemaña.