jueves, marzo 13, 2025
InicioNewsActualidadeA Xunta de Galicia abre unha nova oficina Es.Mar en Pontevedra

A Xunta de Galicia abre unha nova oficina Es.Mar en Pontevedra

A cidade de Pontevedra conta xa coa súa propia oficina Es.Mar Economía Azul de Galicia. Esta é unha das sete que compoñen a rede autonómica para atender e asesorar ao sector pesqueiro no acceso aos apoios ao abeiro dos fondos europeos. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acudiu á cidade do Lérez para inaugurar este novo espazo que conta cun equipo especializado e con experiencia previa en contratación pública, para enfrontar con solvencia o reto de incrementar as axudas concedidas e fortalecer o grao de diálogo co sector e o tecido empresarial.

O conselleiro sinalou que se trata da cuarta que está en funcionamento xunto coas de Ferrol, Vilagarcía de Arousa e Vigo. Ás que se sumarán proximamente a de Ribeira, Coruña e Viveiro. Tamén puxo en valor que este no servizo permitirá afondar no aproveitamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) 2021-2027. Ademais, este pretende impulsar a competitividade e a transformar a cadea mar-industria, informando sobre os investimentos amparados polo fondo, asesoramento na execución das actuacións financiadas, así como no ámbito da competitividade empresarial.

Esta rede de oficinas forma parte do paquete de medidas do Goberno galego para optimizar os recursos económicos que proveñen de Europa. Galicia ten asignados 4 de cada 10 euros destinados ás autonomías, o que suma un total de máis de 366 millóns de euros. Este servizo ten un carácter híbrido, sumando ás oficinas físicas un espazo virtual, o que permite ofrecer unha atención particularizada ás necesidades de cada potencial beneficiario do Fempa. 

Asesoramento, obradoiros e formación

Este espazo será o punto de referencia para os profesionais e empresas dedicadas a actividades pesqueiras dos concellos de Pontevedra, Meaño, Poio, Marín, Sanxenxo e Bueu. Ademais, está programado que acolla unha serie de obradoiros e de actividades relacionados coa remuda xeracional, a dixitalización e a innovación, a xestión de axudas públicas, a internacionalización e mesmo formación sobre a lexislación pola que se rexe a economía azul.

Os Galp

O conselleiro do Mar puxo en valor o traballo dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) de Galicia, dependentes da Consellería do Mar. Entre os que se atopa o Galp Ría de Pontevedra, que xogan un papel destacado na distribución das axudas con financiación comunitaria para apoio a proxectos cun importante impacto nas poboacións costeiras. O Consello da Xunta autorizou a exención de garantías na realización de pagos a conta ás entidades do sector pesqueiro na vindeira convocatoria. Esta publicarase proximamente e dotarase con 14,6 millóns de euros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS