sábado, abril 19, 2025
InicioNewsActualidadeO SERGAS reforza os estudos para tratar os trastornos pneumolóxicos cun proxecto...

O SERGAS reforza os estudos para tratar os trastornos pneumolóxicos cun proxecto de IA

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de implantar un proxecto de Intelixencia Artificial para informar os estudos do sono na Unidade existente no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés. Con este proxecto de Intelixencia Artificial optimízanse os tempos adicados á revisión e análise das probas diagnósticas, que suelen ser procedementos moi laboriosos e extensos. Polo que o uso de ferramentas intelixentes melloran a prestación asistencial. 

Segundo sinala o pneumólogo do CHUP pontevedrés e coordinador desta Unidade no hospital Montecelo, o doutor Adolfo Baloira Villar “en efecto, o aforro de tempo é un dos principais beneficios, pois normalmente os diagnósticos de trastornos do sono requiren unha proba diagnóstica, que moitas veces necesita unha análise manual. Esa tarefa require certo tempo que, agora cos algoritmos de Intelixencia Artificial, pódese reducir”.

Axuda no diagnóstico

Ademais, os algoritmos de Intelixencia Artificial axudan nos diagnósticos e permiten identificar os pacientes en risco antes de que presenten síntomas graves. 

A través da análise de grandes volumes de datos provenientes de estudos de sono, os algoritmos poden extraer información valiosa que nunha primeira análise sería máis complicada detectar. “Isto permite adaptar os tratamentos na nosa Unidade do Sono do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés ás necesidades específicas de cada paciente, ofrecendo opcións máis precisas e eficaces. Por exemplo, no caso das apneas obstrutivas do sono, onde existen varios tratamentos. A Intelixencia Artificial pode axudar a determinar cal é o máis axeitado para cada doente”, subliña o doutor Baloira.

Unidade desde 2006 en Montecelo

Cómpre sinalar que o CHUP pontevedrés dispón dende 2006 dunha Unidade do Sono no hospital Montecelo, que consolidou o nivel asistencial de primeira liña que a Área Sanitaria presta no tratamento de patoloxías e trastornos do sono. Esta está coordinada por profesionais do servizo de Pneumoloxía, que se compón por dous pneumólogos e sete efectivos de enfermaría. A dependencia emprazada no sétimo andar deste hospital, conta con aparataxe para os estudos completos do sono que son denominados polisomnografías.

Pola Unidade do Sono do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra pasan ao longo do ano arredor dos 300 pacientes. Destes, 55 pacientes cada semana e na actualidade da tratamento a preto de 6.000 usuarios, aínda que realiza tamén estudos domiciliarios.

Segundo revela o seu coordinador e pneumólogo do CHUP pontevedrés, Adolfo Baloira Villar, “anualmente efectuamos 150 estudos a domicilio a doentes con trastornos do sono. Estes pacientes achéganse á nosa unidade, onde reciben instrucións para poder utilizar no seu domicilio os aparatos de estudo do seu sono; aparatos que devolven á mañá seguinte coa información técnica que recadaron durante a noite”.

Das primeiras na asistencia á apnea do sono

A posta en funcionamento asistencial da Unidade do Sono do CHUP foi das primeiras en Galicia na asistencia e seguimento de patoloxías coma a apnea do sono. Esta anomalía afecta a entre un 4 e un 7 por cento da poboación adulta. Ademais, é una condición caracterizada por episodios de suspensión da respiración mentres se durme. O resultado é un sono fragmentado non sosegado durante a noite que conduce a un exceso de somnolencia diúrna. 

Aparentemente, as persoas maiores e obesas teñen un risco maior de apnea, xunto coa existencia de obstrucións nasais, lingua longa, vía respiratoria estreita e certas formas de padal e maxilar. Outra ferramenta diagnóstica que complementa ao estudo efectuado polo polisomnógrafo no CHUP é a historia clínica, elaborada polo equipo asistencial da Unidade do Sono. 

Tamén se efectúan enquisas, cunha serie de preguntas acerca da somnolencia diúrna, a calidade e os hábitos de sono dos pacientes. Ademais, todos os doentes en tratamento da Unidade do Sono do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra controlanse polo sistema de telemonitorización desde hai catro anos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS