O escritor, Perfecto Ramos Rodríguez presentará o venres 14 de febreiro ás 19:30 horas na Sala de Exposicións Municipal do edificio Francisco Sánchez o libro “Os Lobariñas Feixoo. Luz e memoria nos Séculos escuros”, editado por Aira Editorial. O autor estará acompañado da profesora Helena Pousa Ortega.
Gregorio Lobariñas Feixoo é unha das figuras máis descoñecidas e atractivas da historia cultural. Este inquisidor de Crecente escribiu As Galegadas, de a cabalo entre os séculos XVI e XVII, obra hoxe perdida, pero escrita en lingua galega en plenos Séculos Escuros. Antonio Jacinto Lobariñas Feixoo, un dos seus parentes, nacido en Filgueira, Crecente, no século XVIII, exerceu a Medicina. Ademais, colaborou co Padre Sarmiento nas súas investigacións sobre as propiedades curativas das plantas.
Perfecto Ramos aproveita as biografías destes dous intelectuais para retratar un vívido fresco sobre os tempos dos Lobariñas Feixoo. Así, tamén creba moitos dos mitos que perduran sobre a situación da cultura escrita en lingua galega.
Este é un libro especialmente relacionado con Tui pois diversos episodios recollidos nesta obra teñen como escenario esta cidade e as súas xentes. Como sinala o propio autor, “A inquisición, persoas e institucións eclesiásticas de Tui son parte importante nesta historia da nosa cultura no século XVIII” explica o Ramos.
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, a presentación desta obra de investigación «achéganos ao coñecemento de capítulos ata agora escasamente abordados da historia tudense do século XVIII nunha obra que recolle a vitalidade da cultura galega naqueles tempos» explica a concelleira.
![](https://www.siradio.gal/wp-content/uploads/2025/02/WhatsApp-Image-2025-02-12-at-16.59.49-724x1024.jpeg)