miércoles, febrero 12, 2025
InicioNewsActualidadeMáis de 100 profesionais de distintos ámbitos renovarán o Plan xeral de...

Máis de 100 profesionais de distintos ámbitos renovarán o Plan xeral de normalización da lingua galega

A Xunta de Galicia reunirá na Cidade da Cultura a máis de 100 profesionais de recoñecido prestixio e diferentes ámbitos para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, en resposta a unha interpelación sobre este asunto no Parlamento de Galicia. 

O responsable autonómico de Lingua fixo un chamamento aos grupos políticos para demostrar “altura de miras e acadar un gran consenso de país que permita seguir mellorando os usos sociais da nosa lingua”. Así mesmo, López Campos puxo en valor a importancia de que as comisións que integran a renovación do Plan conten coa máxima documentación posible para coñecer “coa maior exactitude posible cal é a situación da lingua galega en toda a sociedade”. 

Para iso, como punto de partida, aos datos da Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego do Instituto Galego de Estatística e ás recomendacións para Galicia da Carta Europea das Linguas Minoritarias sumaranse tamén os resultados da Enquisa sobre a percepción social do galego. Esta recolle a resposta de 1200 nais e pais con fillos en idade escolar e que amosan que unha ampla maioría das familias está satisfeita ou moi satisfeita co uso do galego no sistema educativo. 

En total, a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega estará integrada por once grupos de traballo. Estes terán o obxectivo de actualizar o documento para adaptalo á realidade social, demográfica e lingüística deste momento. Estes equipos sectoriais abarcarán eidos como os dereitos lingüísticos, as tecnoloxías, a oferta e dotación de recursos lingüísticos, a administración, o sistema escolar, a transmisión patrimonial do idioma, o lecer, a familia, os medios de comunicación, as industrias culturais, a economía, a sanidade, a sociedade, a proxección exterior do galego ou a lusofonía. 

Todos eles estarán baixo a coordinación de Manuel González, quen xa se encargou deste labor durante a elaboración do plan. Ademais de membro de número da Real Academia Galega, foi coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades, na época de Goberno de Manuel Fraga, no que se aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega. Así como catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, membro do Instituto da Lingua Galega de distintas institucións europeas de estudos lingüísticos como promotor de .Gal.

Coordinadores das comisións de traballo

Ademais do coordinador xeral, cada comisión sectorial contará cun responsable. Serán a doutora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela Diana Santiago, a profesora da Universidade de Vigo Edita de Lorenzo, o experto en promoción da lingua galega na universidade e en formación de adultos Manuel Núñez, o presidente da Asociación de funcionarios pola normalización lingüística e avogado Xoaquín Monteagudo, o catedrático de Lingua e Literatura galegas Armando Requeixo, a presidenta do Museo do Pobo Galego e profesora da Facultade de Medicina Concha Losada, a produtora e avogada Patricia Hermida, o presidente do Foro Enrique Peinador e recoñecido promotor da lingua galega en distintos ámbitos Xosé González, a sanitaria e escritora infantil Rosalía Morlán, a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira, e o experto en relacións exteriores Xosé Lago. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS