O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria 2025 de axudas extraordinarias aos emigrantes retornados. Estas axudas posúen un crédito inicial de 2,3 millóns de euros, que pode incrementar segundo a demanda. Ademais, a Xunta de Galicia estima que se apoiarán unhas 1.000 familias.
Estas axudas extraordinarias ao retorno forman parte do paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna. Tamén, constitúen un recurso fundamental posto que permiten cubrir necesidades iniciais como o establecemento de persoas e familias migrantes retornadas que decidan establecer a súa residencia en Galicia. Neste sentido, poderán beneficiarse destas os retornados galegos nados en Galicia e os seus descendentes. Así como os cónxuxes ou parellas de feito. Para iso, deberán ter residido fóra de España durante un mínimo de dous anos anteriores ao seu retorno e o retorno debe ter realizado a partir do 1 de xaneiro de 2023.
A axuda máxima por unidade familiar é de 6.000 euros, incluíndo, ademais das axudas xenéricas, as axudas específicas ás familias con fillos menores que se instalen en Galicia, cunha contía de 1.000 euros por fillo ata o segundo fillo, e de 1.500 euros a partir do terceiro, cun incremento do 25 % se a familia reside nun concello rural. Tamén se inclúe unha axuda de 500 euros por unidade familiar para cubrir os gastos derivados dos primeiros trámites necesarios para garantir o acceso á vivenda.
Convocatorias anteriores
Entre 2018 e 2024, superáronse os 14 millóns de euros e contabilizáronse máis de 5400 familias retornadas beneficiadas destas axudas. Sendo unhas 20.000 persoas entre solicitantes, familiares e conviventes. Por orixe, as familias son de máis de 60 países. O país con maior número de demanda foi Venezuela con máis de 2.100 solicitudes admitidas. Síguelle Cuba con case 980 solicitudes, e detrás, Arxentina con máis de 940. Estes tres son os países predominantes. No referente as características dos solicitantes, o 54% dos beneficiarios son mulleres e nas últimas convocatorias detectouse unha tendencia á alza no número de retornos por parte da mocidade.
No 2024, 1.159 familias recibiron axudas por un importe total de 3,5 millóns de euros, sendo o ano no que se concederon máis solicitudes. As persoas procedían de 38 países, entre eles Cuba con máis de 480 beneficiarios, Arxentina con preto de 240 e Venezuela máis de 180 solicitudes, nas que case o 63% son mulleres. Aínda que as provincias da Coruña, con máis de 550 solicitudes concedidas, e Pontevedra con máis de 240 son as que predominan na elección do destino para o retorno. No caso das cidades de Ourense foron 111 beneficiarias e en Lugo 101 solicitudes dentro dunha distribución que favorece a boa parte do territorio.
A Xunta de Galicia realizou o maior incremento de fondos desde a posta en marcha desta liña de axudas na convocatoria do ano pasado. Inicialmente publicárase cun crédito inicial de 2 millóns de euros, pero incrementouse nun 67% en decembro ata alcanzar un total de 3,5 millóns de euros. Desta maneira, cubriuse a alta demanda, permitindo que máis galegos do estranxeiro se instalaran en Galicia con apoio económico.
Solicitudes
As persoas interesadas poderán solicitalas a partir do 20 de febreiro. O prazo de presentación de solicitudes ampliarase ata o 30 de setembro de 2025.