A 28ª Feira do Alvariño de Monção, un evento no que se promove o viño Alvariño da Subrexión de Monção e Melgaço, terá lugar entre o 3 e o 6 de xullo de 2025. O evento gastronómico celebrarase na contorna natural do Parque da Caldas.
A Cámara Municipal anunciou o nome de Daniela Mercury, que subirá ao escenario da Maior Wine Party de Portugal o último día do evento, o 6 de xullo. A presentación oficial do programa terá lugar este sábado, 15 de febreiro, na Discoteca Lótus, en Monção.
Con entrada libre ata as 02:00, a presentación levarase a cabo entre as 22:30 e as 00:00, seguida da actuación de «Leaps Brass Band» e animación cos DJ’s Zanova, Pedro Pagodes e Pedro Freitas. Na apertura da feira, o 3 de xullo, está confirmado un gran nome da música nacional.
Programación
Serán catro días de festa e celebración, «con moito Alvariño», tal e como indican desde a organización, «de diferentes marcas da nosa rexión, gastronomía tradicional e innovadora» así como «música variada, proveniente dos escenarios e da cabina do DJ». Ademais, haberá cen expositores e agardan recibir a máis de 100.000 visitantes.
Segundo explican nun comunicado, «comprometida coa sustentabilidade ambiental, a Feira do Alvariño de Monção ten como obxectivo defender e valorar o viño Alvariño, reforzando a súa condición de instrumento estratéxico na competitividade económica da rexión de Monção e Melgaço».