O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo un encontro co novo presidente da Ruta do Viño e da Denominación de Orixe de Valdeorras, Marcos Prada. Durante a xuntanza, aproveitaron para facer un repaso da aposta da Xunta de Galicia polo enoturismo na comarca. Tamén polos distintos programas de promoción nos que o Goberno galego vén colaborando desde hai anos.
Paralelamente, Xosé Merelles salientou que está en macha na zona un plan de sostibilidade turística en destino por importe de 1,5M€ con actuacións específicas en materia de dixitalización e impulso desta ruta do viño. Ademais, o director de Turismo de Galicia salientou que distintas adegas incluídas nesta entidade recibiron axudas da Xunta de Galicia na convocatoria de proxectos turísticos de enogastonomía por importe de case 400.000 euros.
Da mesma forma, o director de Turismo de Galicia destacou a importancia do enoturismo na estratexia do seu departamento ata 2030 que se ratifica en produtos turísticos coma a ‘Primavera de Portas Abertas’. Esta última cada ano está a incrementar o número de participantes precisamente ao redor da distintas rutas do viño. A de Valdeorras é unha das que tradicionalmente teñen participado.
Ademais, Merelles salientou a colaboración do Goberno galego na organización cada ano da BTT Ruta do Viño, unha proba deportiva que discorre polos concellos que forman parte desta entidade. Con esta, preténdese fomentar o enoturismo como ferramenta impulsora do sector turístico a partir dunha marcha en bicicleta pola montaña que permite ao seu tempo coñecer outros valores turísticos coma a paisaxe, a natureza e a cultura da comarca de Valdeorras.
Tamén, repasaron outros eventos relacionados con este atractivo turístico como a celebración da Feira do Viño, a das Covas de Vilamartín de Valdeorras e de Seadur (Larouco).