O Concello do Porriño rehabilitará a antiga escola unitaria de Chenlo para convertela nun espazo cultural e veciñal. Seguindo a mesma liña de actuación que noutros edificios municipais actualmente en desuso, o goberno local iniciou este proxecto cuxas obras se prevén que se inicien ao longo deste primeiro trimestre do ano.
O alcalde Alejandro Lorenzo, xunto co concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto e o alcalde pedáneo da Entidade Local Menor de Chenlo, Jacobo Alonso, visitaron recentemente as instalacións nas que se investirán uns 50.000 euros, para o cal se contará co apoio da Xunta de Galicia. “Este edificio, que forma parte do patrimonio histórico e arquitectónico local, representa un valor significativo para a comunidade e a súa recuperación permitirá darlle un novo uso, adaptado ás necesidades actuais da veciñanza”, subliña Lorenzo.
O concelleiro explica que coa rehabilitación deste inmoble “a parroquia de Chenlo disporá dun espazo moderno e accesible, pensado para a realización de actividades como cursos, obradoiros, exposicións e eventos comunitarios”. Pola súa parte, o alcalde pedáneo considera que “a creación deste novo espazo permitirá dinamizar a vida social e cultural da parroquia, proporcionando un punto de encontro para a veciñanza e fomentando iniciativas socioculturais”.
O proxecto contempla unha serie de melloras estruturais e funcionais para garantir a conservación do edificio e optimizar o seu uso. Así, renovarase o tellado asegurando a súa impermeabilización e resistencia para protexer a estrutura do inmoble, rehabilitarase o xardín exterior converténdoo nun espazo máis accesible e axeitado para actividades ao aire libre, melloraranse os aseos e os interiores adaptándoos ás normativas de accesibilidade e confort, eliminaranse as barreiras arquitectónicas facilitando a mobilidade e garantindo un espazo inclusivo para todas as persoas, e conectaranse as diferentes estancias creando un espazo máis amplo e versátil para diferentes usos.
“Dende o Concello reafirmamos así o noso compromiso coa recuperación do patrimonio local e coa creación de espazos que melloren a calidade de vida da cidadanía. A intervención na antiga escola unitaria de Chenlo é un paso máis nesta estratexia de valorización do territorio e de mellora dos servizos para a comunidade”, puntualiza o alcalde Alejandro Lorenzo.
Recuperación do patrimonio local
Esta iniciativa enmárcase dentro do plan municipal de recuperación e posta en valor de edificios singulares nas distintas parroquias. Neste senso, a antiga escola unitaria de Covelo, en Atios, será un centro de día, a de Pontellas acollerá unha das dúas novas escolas infantís, para nenos de 0 a 3 anos, que se abrirán no Porriño e, pola súa banda, a de Mosende seguirá mellorando para continuar como colexio de Educación Infantil dando servizo á cativada do rural.