A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo na que condenou a un home a dous anos e medio de cárcere por cometer un delito de estafa, así como ao pagamento de máis de 200.000 euros en concepto de responsabilidade civil.
Segundo os feitos probados da resolución, o acusado convencía a persoas con solvencia para comprar e financiar ao seu nome coches de distintos concesionarios das provincias da Coruña e Lugo, facéndolles crer que lles abonaría o prezo dos vehículos, pero só lles entregaba en efectivo a contía da entrada e as primeiras cotas dos préstamos. Unha vez adquiridos os vehículos, vendíaos ao estranxeiro para lucrarse con esas operacións, provocando “o prexuízo das entidades financeiras cuxos créditos resultaron parcial ou totalmente impagados». A sentenza non é firme, pois cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.