O Consello da Xunta aprobou na súa reunión semanal a sinatura cun acordo de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e o Servizo Galego de Saúde para o impulso da Formación Profesional dual de técnico superior en imaxe para o diagnóstico e medicina nuclear con prácticas no Servizo Galego de Saúde.
Tal e como se establece no acordo de colaboración autorizado hoxe, o alumnado dos centros educativos CIFP Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña e do IES Ricardo Mella de Vigo que curse o título de Técnico superior en imaxe para o diagnóstico e medicina nuclear poderá desenvolver a súa formación práctica en centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde.
A formación impartirase de xeito compartido entre o centro educativo e o Servizo Galego de Saúde, garantindo a adquisición de resultados de aprendizaxe establecidos para as ensinanzas conducentes á obtención do título de Técnico superior en imaxe para o diagnóstico e medicina nuclear.
No presente curso, a incorporación do alumnado será a partir do 22 de abril e ata o 31 de xullo. De cara ao curso 2025/2026 esa incorporación será desde o 9 de febreiro do 2026 ao 31 de xullo.
Para o abono das retribucións anuais da formación en prácticas deste alumnado, tal e como se recolle no convenio, o Servizo Galego de Saúde destinará nos anos 2025 e 2026 un total de 741.793 euros.
Alumnado e centros
O número total de alumnos ascende a 44. A distribución por centros nos que se realizarán as prácticas é a seguinte: nove alumnos nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; outros nove alumnos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; sete no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela; cinco no Hospital Lucus Augusti; outros cinco no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; catro no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; catro no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; e un no Hospital Público da Mariña.
Con esta medida, o departamento sanitario galego facilita a utilización dos seus recursos e dispositivos asistenciais para o cumprimento dos proxectos formativos de prácticas. Así, en cada centro asistencial onde se realizan as prácticas, fixarase un plan de formación específico, acorde cos contidos e obxectivos adaptado ao currículo do ciclo formativo de Técnico superior en imaxe para o diagnóstico e medicina nuclear.
Mediante este acordo, a Xunta cumpre o obxectivo da cualificación profesional das persoas, combinando os procesos de ensino e aprendizaxe na empresa e no centro de formación do alumnado.
O alumnado que realice as prácticas ao amparo deste acordo, poderá utilizar as instalacións e servizos das bibliotecas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, incluíndo as prestacións da biblioteca virtual do Sergas (Bibliosaúde), nas mesmas condicións que o persoal do departamento sanitario galego.
Os centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde nos que realice a súa formación práctica o alumnado contarán cun profesional coa formación e experiencia axeitada, en condición de titor, que será o responsable do seguimento dos estudantes.