A Xunta de Galicia abriu o prazo para participar na 11º edición do premio de relato curto Nortear que recoñece obras en galego ou portugués. Esta iniciativa está impulsada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte I.P.
O certame diríxese á mocidade de entre 16 e 36 anos de Galicia ou do norte de Portugal, que teñan unha escrita orixinal e inédita de 5.000 a 8.000 palabras de extensión. Así mesmo, o gañador ou a gañadora non só recibirá a dotación económica de 3.000 euros, senon que tamén verá o seu traballo publicado fisicamente nas linguas galegas e portuguesa.
A iniciativa converteuse nunha plataforma de lanzamento para a mocidade escritora da Eurorrexión. Cada ano distínguense as obras literarias orixinais, incentívase a creatividade literaria e promóvese a distribución das obras alén das fronteiras. Nortear está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa INTERREG 21-27 (POCTEP). Ademais, trátase dun espazo cultural compartido no marco da colaboración continuada entre a Xunta de Galicia e a CCDR-Norte IP a prol do coñecemento mutuo da cultura, a literatura e a creación artística en xeral.
Sen contar esta edición, ao certame xa concorreron case 450 obras. As persoas gañadoras das anteriores edicións do premio literario Nortear foron Lara Dopazo, Rui Cerqueira Coelho, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga, Pedro Rodríguez Villar, Marta Pais de Oliveira, Vicente Vázquez e Manuel Vila Iglesias.
Candidaturas
As persoas interesadas deberán presentar as súas candidaturas antes do 30 de xuño, data límite para enviar as candidaturas a través da web de Nortear.