O Concello da Coruña publicou as bases da primeira edición do programa de residencias artísticas da Coruña. Estas teñen o obxectivo de dotar de espazos e apoio loxístico ao tecido cultural. «Trátase dun programa pioneiro na cidade para a posta en valor da creación cultural, sumándose a outras iniciativas do Goberno de Inés Rey para a dinamización do sector, como as bolsas de creación artística ou o bono cultura», sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro.
As residencias están dirixidas a creadores, colectivos e investigadores así como compañías profesionais vinculados ás artes escénicas, tanto de ámbito local como autonómico, nacional ou de fóra de España. Aínda así, terán prioridade aqueles creadores ou compañías con sede na Coruña e a súa área metropolitana. Con isto, pretenderase potenciar o tecido cultural coruñés.
Por outro lado, as residencias levaranse a cabo este ano e tendo como sede os recintos xestionados polo IMCE. En concreto, poderanse utilizar a Casa Museo Pablo Picasso, o auditorio do Teatro Rosalía de Castro e do Fórum Meteopolitano, a Sala O Túnel do Coliseum e no Centro Sociocultural Ágora as aulas 6, 7 e 8 xunto co auditorio. Aínda que de forma excepcional, poderase dispoñer doutras instalacións.
Tipos de residencia e duración
A convocatoria contén diferentes modalidades. Diferenciaranse segundo a procedencia e domicilio fiscal das persoas ou compañías solicitantes, procedentes da Coruña e a súa área metropolitana, resto de Galicia ou outras Comunidades Autónomas e estranxeiro ou por tipoloxía de residencia.
Primeiro, a modalidade de Creación e investigación. Esta ten o obxecto de apoiar a exploración, investigación e o desenvolvemento de proxectos en proceso de conceptualización, concepción e definición. A duración máxima é de 15 días laborables que poderán ser continuos ou alternos.
Segunda, a modalidade Artísticas. Prentende promover o desenvolvemento de proxectos xa iniciados que necesitan un espazo para o seu desenvolvemento, experimentación e proceso de creación mediante ensaios. Terán unha duración máxima de 10 días laborables, continuos ou alternos.
A terceira, a modalidade de Técnicas. O seu obxectivo é dar a posibilidade de definición de proxectos na súa etapa final na que é necesario usar recursos técnicos no espazo escénico para a definición, proba e realización de deseños técnicos. Entre os que se encontran o espazo sonoro, iluminación ou o propio espazo escénico coa súa utillería e/ou elementos escenográficos. Neste caso, a duración máxima é de 5 días laborables continuados.
As residencias levarase a cabo respectando as necesidades dos ciclos habituais dos recintos. En tódas as modalidades poderán empregar o formato de media xornada, que abrangue o horario de 09:00 a 15:00 horas ou de 16:00 a 20:30 horas, ou completa cun horario de 09:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas de luns a venres. Ademais, o uso dos auditorios limitarase a un máximo de 5 días, polo que se pode combinar co uso das aulas.
Solicitudes
As persoas e compañías interesadas poderán presentar as solicitudes a partir deste venres 7 de febreiro, e haberá un prazo de 15 días hábiles. No referente as vías de presentación poden ser de forma telemática a través da sede electrónica, dirixido ao IMCE, ou de forma presencial no Rexistro do IMCE, sito na Avenida da Mariña (Casa Paredes), número 18. Este último ten un horario de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas.