O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou as xornadas técnicas Intelixencia artificial: novas posibilidades para as bibliotecas na Cidade da Cultura. Estas teñen como finalidade debullar os desafíos que as novas tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial traen ao traballo diario dos profesionais bibliotecarios.
López Campos salientou “a necesidade de promover a formación especializada dos técnicos das bibliotecas de Galicia neste eido para fomentar un uso responsable da IA”. Ademais, nas xornadas participan institucións de Galicia e o resto de España que están levando a cabo algúns dos estudos ou proxectos máis importantes. Estes proxectos están relacionados con esta tecnoloxía en bibliotecas como a Biblioteca Nacional de España, a Sociedad Española de Documentación e Información Científica, o Centro Español de Derechos Reprográficos, a Fundación March ou a Universidade de Granada.
O conselleiro cultura sinalou que “xa é unha realidade que a intelixencia artificial está a transformar os servizos bibliotecarios, o acceso á información, a xestión documental ou a catalogación”. Logo engadiu que a implantación da IA tamén vai aumentar as posibilidades de traballo nestes eidos.
Ademais, abordouse o Proxecto Nós impulsado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Aínda que non está directamente relacionada co mundo das bibliotecas, tamén, é unha iniciativa fundamental para promover a presenza dixital do galego. O seu obxectivo é crear os recursos dixitais e lingüísticos necesarios para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en intelixencia artificial e tecnoloxías da linguaxe como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais en galego.