A Xunta de Galicia recibiu máis de 1.300 solicitudes no primeiro día de prazo para solicitar o Bono Emancípate destinado a colaborar coa mocidade para sufragar os primeiros gastos que xorden á hora de independizarse, como pode ser a adquisición de mobiliario, electrodomésticos, diversos artigos do fogar ou os derivados do transporte da mudanza e das xestións de contratos a través de notarías e asesorías.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina un orzamento de 2 M€ a esta liña de apoio que vén complementar outras axudas para a emancipación de mozos e mozas que teñen que ver co prezo de compra dun inmoble ou a renda do alugamento. Deste xeito, o Goberno galego pon a disposición da mocidade un incentivo económico para poñer en marcha o seu fogar, xa sexa nunha vivenda alugada, polo que opta a percibir 1.500€, ou en propiedade, caso no que as persoas beneficiarias recibirán 3.000€.
Neste senso cómpre lembrar que para acceder ao bono establecéronse unha serie de requisitos, tales como ter entre 18 e 35 anos, ter unha fonte regular de ingresos, estar empadroados na vivenda, contar cun contrato de alugueiro ou compravenda posterior a maio de 2024 ou cumprir con certos límites de renda.
Tal e como se recolle na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia, os mozos e mozas menores de 36 anos poden facer a solicitude a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta ata o 30 de abril, de maneira que as axudas serán concedidas, unha vez comprobado o cumprimento das condicións, por orde de chegada ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Como funciona?
Unha vez finalizados os prazos e concedidas e comunicadas as axudas, as persoas beneficiarias poderán facer uso da contía recibida a través dunha tarxeta moedeiro virtual expedida ao seu nome e que deixará de ser válida desde o 31 de decembro de 2025. Con ela, poderán realizar as súas compras en comercios especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías que teñan establecemento aberto en Galicia, polo que non será aceptada para compras a distancia.