O goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar o patrocinio deportivo de “O Gran Camiño”. Neste destinará preto de 140.000 euros. A proba ciclista desenvolverase entre o 26 de febreiro e o 2 de marzo e está incluída no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI). Esta proba chegará á provincia na súa segunda etapa, que se celebrará o vindeiro 26 de febreiro entre Marín e A Estrada.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asegurou que “esta etapa permitirá dar a coñecer a nosa riqueza natural e paisaxística, poñendo no foco, en sintonía coa nosa campaña de promoción deste ano, Cando volves?, o interior da provincia”. Paralelamente, lembrou a aposta da institución provincial por “captar, impulsar e colaborar coa organización de grandes eventos deportivos no noso territorio, que son unha panca para a proxección do turismo e da nosa marca como provincia” destacou o presidente.
A cuarta edición do Gran Camiño contará este ano con cinco etapas. En comparación con outros anos, incluirase unha etapa internacional no norte de Portugal, que será a primeira. Ademais, de sumarse unha máis por cada unha das catro provincias galegas. As etapas de Galicia comezarán en Pontevedra. O percorrido terá 144,8 quilómetros con máis de 2.600 metros de desnivel e tres portos de primeira categoría desde Marín ata A Estada. Así, pasará por Pontevedra e Campo Lameiro antes de subir ao alto de San Antoniño. Desde alí, dirixiranse a Moraña, Caldas de Reis, Valga e Cuntis para entrar finalmente na Estrada, onde subirán dúas veces ao alto de San Vicenzo.