Susana Sampedro e David Machado anunciaron esta mañá as candidaturas finalistas da vixésimo terceira edición dos Premios Mestre Mateo, nun acto celebrado no Pazo da Deputación de Pontevedra. Alí, deron a coñecer que a serie ‘Rapa’ e as longametraxes ‘As Neves’, ‘Honeymoon’ e ’+ Cuñados’ copan 40 das candidaturas finalistas.
A serie producida por Portocabo é a produción máis votada polas académicas e académicos, con 18 candidaturas, empezando pola de Mellor serie de TV, que comparte coas producións de Vaca, ‘Clanes’ e ‘El circo de los muchachos’ e a producida por Undodez xunto a Televisión de Galicia, ‘Bibopalula’.
‘Rapa’ tamén coloca a sete dos seus intérpretes como finalistas nas categorías de interpretación: Mónica López, Javier Cámara e Dario Loureiro en papeis protagonistas e Sheyla Fariña, Adrian Ríos, Diego Anido e Miguel de Lira en reparto.
Pola súa banda, ‘Honeymoon’ coloca a tres dos seus intérpretes nas categorías finalistas, Javier Gutiérrez como protagonista e Antonio Durán «Morris» e María Vázquez en reparto. Completan as categorías de interpretación protagonista Federico Pérez por ‘+ Cuñados’, Carmen Machi por ‘Tratamos demasiado bien a las mujeres’, Andrea Varela por ‘As Neves’ e Lucía Veiga por ‘Na gloria’, que tamén consegue ser finalista en reparto por ‘As Neves’. Conclúe a candidatura de reparto María Pujalte por ‘Clanes’.
As finalistas a Mellor longametraxe son ‘As Neves’, ‘+ Cuñados’, ‘Honeymoon’ e ‘Xustiza artificial’. Tres delas aparecen tamén como finalistas a Mellor dirección, Sonia Méndez por ‘As Neves’, Luis Avilés por ‘+ Cuñados’ e Enrique Otero por ‘Honeymoon’ xunto con Jorge Coira e Javier Cámara por ‘Rapa’. En Mellor documental están ‘Aurora’, ‘Filmei paxaros voando’, ‘Salvaxe, salvaxe’ e ‘Prefiro condenarme’, cuxo guión, de Margarita Ledo e Eva Veiga, tamén é finalista xunto cos traballos de Pepe Coira e Fran Araújo por ‘Rapa’, Roberto G. Méndez e Enrique Otero por ‘Honeymoon’ e Sonia Méndez por ‘As Neves’.
Nas categorías técnicas están en Mellor dirección de produción Ana Míguez por ‘Rapa’, que repite xunto a Javi Lopa por ‘+ Cuñados’, María Liaño por ‘Clanes’ e Nati Juncal por ‘Prefiro condenarme’, que tamén repite xunto a Silvia Fuentes por ‘As Neves’. En Mellor dirección de fotografía compiten Alberte Branco por ‘Prefiro condenarme’, Jaime Pérez por ‘Rapa’, Lucía C. Pan por ‘As Neves’ e Sergio Franco por ‘Honeymoon’. E en Mellor dirección de arte Andrea Pozo por ‘+ Cuñados’, Curru Garabal por ‘Tratamos demasiado bien a las mujeres’, Elia Robles por ‘As Neves’ e Inés Rodríguez por ‘Rapa’.
En Mellor Montaxe están Adrián Pino por ‘Honeymoon’, Gaspar Broullón, Lu Rodríguez e Jorge Coira por ‘Rapa’, Juliana Montañés por ‘As Neves’ e repite Lu Rodríguez por ‘+ Cuñados’. Pleno femenino nas categorías de maquillaxe e perruquería, con Fanny Bello, que dobla por ‘+ Cuñados’ e ‘Rapa’ xunto con Sonia García por ‘As Neves’ e Susana Veira e Bea Antelo por ‘Clanes’ e vestiario, con Alicia Dapena por ‘Rapa’, Maite Tailonte por ‘Tratamos demasiado bien a las mujeres’, María Fandiño por ‘Honeymoon’ e María Porto por ‘As Neves’.
Ao contrario, pleno masculino na categoría de Mellor son, con Carlos Mouriño por ‘Clanes’, que dobra xunto con Diego Staub e Pablo Rega por ‘Honeymoon’, David Machado, Javier Pato e Daniel Fernández por ‘As Neves’, Juan Gay e de novo Diego Staub por ‘Rapa’ e na categoría de Mellor Realización, con Adolfo Fernández de ‘Recollendo músicas’, Jairo Iglesias de ‘Nosoutras’, Marcos Nine de ‘Historias de aquí’ e Simone Saibene de ‘Cinephilia’. Simone repite tamén na categoría de Mellor comunicador xunto con Estíbaliz Veiga, Juan Fuentes e Paco Lodeiro.
Oito curtametraxes compiten nas súas categorías, en imaxe real ‘Nai’, ‘Platónico, plantónica’, ‘Pura’ e ‘Véxote’ e en animación ‘Avetimología’. ‘Eu vou conmigo’, ‘Noites de prata’ e ‘Sinapse’.
Completan as categorías dos XXIII Premios Mestre Mateo a de Mellor serie web, onde están ‘A moza que abortou e o contou’, ‘Poscoito’, ‘Pringadas’ e ‘Pulp Air’. En Mellor videoclip compiten ‘Aletejo’ de Baiuca, ‘Hi, my love’ de Sabela, ‘Marimondra’ de Mondra e Adela Otero e ‘Quererse ben’, tamén de Mondra. E a Mellor Programa están Cinephilia, Cos pés na terra, Nosoutras e Recollendo músicas.
Por último, os finalistas a Mellor anuncio publicitario son Arde lvcvs MMXIV, Cortello Club, Campaña contra a trata, Galicia Sabe amar e Non pode ser máis de aquí.
Ao anuncio de finalistas acudiron tamén o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra; o director de proxección social da CRTVG. Xaime Arias; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez e o alcalde do Concello de Lalín, Xosé Crespo Iglesias.
As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 15 de marzo no Lalín Arena.