A XLII Feira do Viño de Chantada celebrase do 7 ao 9 marzo. Así, abre a tempada de feiras do viño na D.O. Ribeira Sacra como é habitual. Ademais, esta feira de Chantada anúnciase da man do artista multidisciplinar, Juan José Lomarti, que realiza o cartel deste ano.
Lombarti leva varios anos elaborando os carteis que anuncian a Feira do Viño de Chantada. Noutras edicións os seus deseños reflexaron o icónico da Feira, utilizando uvas, botellas, copas ou cores para representar a esencia aromática do viño. No caso deste ano, a protagonista é a figura humana, idea que tamén empregou o autor anteriormente. “Quería representar alegría e celebración festiva, ademais dos matices do viño,…a proposta deste ano é máis de festival, de celebración humana”, explica Juan José Lomarti.
A degustación dos viños das ribeiras de Chantada será os tres días de Feira. Ademais ofreceranse con diferentes actividades ao redor do viño, actuacións musicais e a Feira de Oportunidades da Asociación de Empresarios de Chantada. Posteriormente, co cartel presentado, a organización convocará ás adegas nun encontro previo á celebración cuxa programación darase a coñecer próximamente.
O alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, anima a participar na Feira que abre o calendario de feiras do viño, “e que representa un dos nosos produtos máis emblemáticos, o que converte a Feira do Viño nunha das citas máis representativas e festivas do concello, como reflexa o cartel de Lomarti” transmitiu o rexedor.