O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrecerá entre febreiro e abril un total de 107 prazas para participar en rutas guiadas polos catro arquipélagos. Con isto, dase a coñecer os seus principais valores e singularidades nunha época do ano distinta do verán e na que moitos procesos naturais se poñen en marcha nas illas. As visitas serán de balde e enmárcanse no programa Descubrindo o Parque Nacional.
A iniciativa creada pola Xunta de Galicia en 2014 xa conta con xa máis de 1.500 participantes. Desta maneira, búscase promover a desestacionalización das visitas ás Illas Atlánticas. Con esta actividade ofrécese a opción de achegarse aos arquipélagos dun xeito ordenado, sostible e da man do equipo de guías do Parque Nacional.
Este ano organizaranse seis visitas guiadas, nas que os grupos de visitantes serán reducidos. Con isto, preténdese poder ofrecer unha experiencia de calidade, para dar a oportunidade de participar ao máximo número posible de persoas. Así mesmo, habilitarase tamén unha listaxe de agarda para cubrir posibles baixas.
O prazo de inscrición xa está aberto. As persoas que queiran participar nalgunha das rutas ofertadas poderán anotarse ata catro días antes da data da visita nas oficinas do Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo ou na propia web de reservas.
A temática das rutas é moi diversa. Encóntranse así, dende o carácter histórico e botánico da illa de Cortegada con O segredo dun bosque no mar, pasando polas rochas de Sálvora coas súas Esculturas e lendas e os lugares pouco coñecidos de Ons coa ruta A Illa e o mar ata chegar á historia das Cíes a través dunha Viaxe no tempo. En todas as rutas, os itinerarios están recomendados para maiores de 12 anos.
Calendario
No calendario previsto, haberá distintos portos de saída, así como un número distinto de prazas ofertado nas seis rutas hacia as catro illas.
Na illa de Ons, realizarase a ruta o sábado 15 de marzo. Sairá dende porto de Bueu e contará con 20 prazas. Nas Cíes, a ruta comezará no porto de Bueu e dispoñerá de 20 prazas e a data será o 13 de febreiro.
No caso de Sálvora, a ruta partirá dende o porto de Grove. As persoas interesdas dispoñen de dúas datas para realizar a ruta, o 9 ou o 23 de marzo, ambas proporcionan o mesmo número de prazas.
Xa na illa Cortegada, os e as participantes terán dúas oportunidades para desfrutar da ruta. A primeira, o 22 de febreiro cun grupo de 15 persoas partirase a esta illa dende Carril. Pola contra, o 4 de abril o barco sairá do porto de Vilagarcía con 12 prazas.
Condicións e pasos para participar
Cada persoa poderá participar só nunha das rutas ofrecidas nos vindeiros meses. A actividade guiada na Illa é de balde, pero cada persoa ten que asumir os gastos de transporte no barco contratado. O importe aboarase á navieira correspondente con anticipación, unha vez o parque lle envíe un correo electrónico cos datos de pago.
A dirección do Parque Nacional reservarase, igual que o dereito de cancelar a actividade ou modificar os seus horarios en función do número de inscricións, das condicións meteorolóxicas ou doutras causas de forza maior, avisando en calquera caso con antelación a todas as persoas confirmadas.
No caso de non conseguir praza para participar na ruta desexada, a persoa interesada pode apuntarse na lista de agarda, por se houbera posibles desestimentos.