O Concello de Allariz presentou hoxe un proxecto estratéxico para a recuperación e posta en valor do Castelo de Allariz, unha actuación que permitirá rescatar a memoria e a importancia desta fortaleza medieval. O proxecto conta coa colaboración da Universidade de Vigo.
Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan de Sostibilidade Turística, que permite dotar de recursos económicos a varias actuacións no municipio. Unha destas intervencións é o proxecto do Monte O Castelo. Esta intervención contempla a recuperación dos accesos ao castelo, mellorando os camiños existentes desde diferentes puntos de Allariz, como o cemiterio, Vilanova e a Casa da Cultura. Ademais, abrirase un novo acceso desde a Praza Maior a través da Casa da Paneira, adquirida polo Concello, facilitando unha conexión directa co Castelo.
As obras xa comezaron coa limpeza da zona, incluíndo o desbroce da vexetación e a retirada de árbores que cubrían os restos da fortaleza. Nunha segunda fase, realizarase unha intervención arqueolóxica liderada pola Universidade de Vigo, que incluirá unha limpeza manual dos elementos estruturais conservados, levantamentos tridimensionais con dron e fotogrametría terrestre, así como a análise de documentación histórica para reconstruír virtualmente o castelo.
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, presentou o proxecto acompañada polos concelleiros de Cultura, Promoción Económica e Educación, Alberto Conde, María López e Maribel Poisa. Así mesmo, tamén asistiu ao acto o aparellador municipal, Tino Feijóo, en representación da Oficina de Urbanismo.
Cristina Cid considera que “esta intervención será clave para recuperar un espazo de gran valor patrimonial e histórico, achegando unha nova ruta interpretativa que seguirá pondo en valor a historia medieval de Allariz. Ademais, instalaranse paneis informativos para ofrecer unha visión didáctica e divulgativa do castelo e da súa evolución ao longo dos séculos.
O arqueólogo Adolfo Fernández, da Universidade de Vigo, destacou que esta investigación permitirá esclarecer definitivamente a localización e estrutura do castelo, cuxa existencia foi obxecto de diversas especulacións ao longo dos anos. O obxectivo final é crear unha recreación en 3D do castelo en dúas épocas históricas: a Idade Media (séculos XI-XII) e a Idade Moderna, cando a fortaleza xa fora reutilizada con outros usos.
Fases do proxecto de recuperación
- Fase de limpeza e desbroce: Nesta primeira fase, realizouse un traballo de limpeza do monte onde se atopa o castelo, que inclúe a retirada de maleza e arbustos que cubrían as estruturas do castelo. Esta fase xa está en marcha e prevé continuar durante un par de semanas máis.
- Fase de intervención arqueolóxica: Unha vez finalizada a limpeza inicial, iniciarase a limpeza manual das estruturas visibles, utilizando metodoloxía arqueolóxica. Non se prevén escavacións profundas, pero si a posta en valor das estruturas que se fixeron visibles tras a limpeza.
- Levantamento tridimensional: Realizarase un levantamento detallado mediante técnicas de dron lidar e fotogrametría terrestre para obter un modelo tridimensional do promontorio onde se atopa o castelo e das estruturas que se conservan no terreo. Este modelo servirá para crear unha recreación virtual do castelo, pero non se levarán a cabo levantamentos físicos ou escavacións adicionais no terreo.
- Investigación histórica e recompilación de datos: Durante esta fase, recolleranse datos de fontes históricas e arqueolóxicas previas, como documentos escritos, debuxos e os resultados de escavacións anteriores, co obxectivo de mellorar a comprensión sobre a localización e a estrutura do castelo.
- Creación do modelo 3D do castelo e recreación: A partir dos datos obtidos, elaborarase un modelo tridimensional do castelo. Este modelo servirá para crear contidos didácticos e divulgativos que permitirán aos visitantes comprender mellor a historia do castelo e as súas distintas etapas. A recreación do castelo será virtual, baseada no modelo 3D, e será accesible a través de paneis informativos.
- Mellora e recuperación dos accesos: Traballarase na mellora dos camiños e accesos ao castelo desde diferentes puntos da zona, como o cemiterio, Vilanova, e Casa de Cultura. Así mesmo recuperarase o acceso que tiña o Castelo, a través da Paneira, ca Praza Maior.
- Fase final: Como parte da fase final, instalaranse paneis informativos e crearase unha ruta interpretativa que guiará aos visitantes a través do castelo. A ruta incluirá a visualización de contidos interactivos, como a recreación virtual do castelo e a súa localización exacta, permitindo unha comprensión integral do lugar.