Os exames das oposicións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP deste ano 2025 comezarán o día 21 de xuño. Así o adiantou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, esta mañá na mesa sectorial, na que se debateron tanto o decreto de oferta pública de emprego como a convocatoria das probas. Serán un total de 1.664 prazas en medio cento de especialidades, a maior parte delas, case o 86%, de novo ingreso.
A previsión é levar a Consello da Xunta o decreto para a súa aprobación definitiva e publicar tanto este como a orde de convocatoria a continuación no Diario Oficial de Galicia. Posteriormente, informarase dos lugares concretos das probas por especialidades.
A maiores, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e as organizacións sindicais con representación na mesa sectorial analizaron hoxe o texto do anteproxecto de decreto polo que se regula a formación permanente do profesorado. O seu obxectivo é actualizar e axustar esta formación ás necesidades do século XXI.
A oferta de emprego público do ensino para este ano atende ás políticas de reforzo que está a aplicar a Xunta en determinadas áreas como a aprendizaxe de linguas estranxeiras (con 157 prazas para Inglés entre mestres e profesores de ensino secundario), o ensino do galego (77 prazas en Lingua e literatura galega), a atención á diversidade (con 93 prazas para especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica), as matemáticas (51 prazas) ou as novas tecnoloxías (con 124 prazas nas dúas especialidades de Informática e 58 en Tecnoloxía).
Das 1.664 prazas, case o 86% (1.424) serán de ingreso libre, 10 para o acceso ao corpo de inspectores de educación e outras 230 para que mestres que forman parte xa do sistema poidan acceder ao un posto como profesores de Secundaria. Por corpos, no de mestre convócanse 426 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 918 en 33 especialidades. Pola súa banda, haberá 80 prazas en oito especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP, e 10 para inspectores de educación. En canto á promoción interna, haberá 230 prazas en 32 especialidades.
No que atinxe á actualización da normativa de formación do profesorado, o texto ten como obxectivo axustar o modelo ás novas necesidades do ensino, de tal forma que poida anticiparse aos rápidos cambios que se producen en eidos como a dixitalización, a intelixencia artificial, a internacionalización ou o incremento da multiculturalidade nas aulas, entre outros. Para darlles resposta, ponse o acento en fomentar a investigación e a innovación educativa.
Entre outras novidades, incorpóranse dúas novas modalidades de formación, que se suman ás existentes. Por unha banda, os proxectos de innovación educativa, dirixidos a un centro educativo como unidade para facilitar a introdución de cambios novos, baseados na investigación e o coñecemento, coa intención de mellorar os procesos de ensino-aprendizaxe. Por outra, os proxectos de investigación, dirixidos a grupos de docentes, que teñen como obxectivo a procura e xeración de novo coñecemento que dea resposta a un problema ou pregunta expostos.
No que atinxe á organización da formación, introdúcese, xunto ás xa existentes, unha nova estrutura: as comunidades de observación e aprendizaxe. Estarán contextualizadas arredor de colectivos docentes específicos reunidos cunha fin formativa concreta promovendo, deste xeito, a constitución de redes de colaboración e coaprendizaxe docente.
Ademais, cambian os requerimentos para ser asesor o director dun centro de formación e recursos ou do CAFI, coa finalidade de favorecer a remuda xeracional. Neste sentido, limítase o número de anos que o persoal docente, sempre funcionario de carreira, pode ocupar estes postos.