martes, febrero 4, 2025
InicioO PaísA CoruñaO Teatro Colón acolle o concerto en homenaxe ao ponteareán Rogelio Groba

O Teatro Colón acolle o concerto en homenaxe ao ponteareán Rogelio Groba

O Concello da Coruña, en colaboración coa Fundación Rogelio Groba, organiza o seu tradicional concerto en homenaxe ao mestre ponteareán Rogelio Groba. Será o sábado 8 de febreiro no Teatro Colón, ás 20.00 horas, coa Orquestra de Cámara Galega como gran protagonista, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero.

Esta cita do calendario cultural da cidade celebra o legado dun dos compositores máis prolíficos e influentes de Galicia e España. O concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a non perder esta actuación, que levará o público asistente a unha viaxe polo inconfundible universo musical de Groba.

O programa do concerto inclúe algunhas das obras máis significativas de Groba, como Grovios, un ciclo etnográfico, inspirada na tribo celta que habitou entre o sur de Galicia e o norte de Portugal, segundo os estudos de Vicente Risco. Esta peza, concibida desde unha perspectiva puramente estética, evoca as raíces culturais galegas e a sensibilidade do compositor. Sobre o seu proceso creativo, Groba comentou que «acudo á metamorfose dos datos musicais extraídos dos nosos cancioneiros populares, arroupados por unha linguaxe moi persoal que xa hai tempo que se fixo carne na miña sensibilidade».

A suite neobarroca Intres boleses, tamén se inclúe no programa. Esta obra, baseada en danzas antigas e unha das primeiras composicións ‘in modo antico’ do mestre, foi escrita en 1978. No ano 1979, recibiu o Premio da Crítica Galega. Con ela, o compositor reflicte a súa mestría para fusionar tradición e innovación.

Ademais, interpretarase Sarabanda sobre un tema de Haendel. Esta destaca pola súa elegancia e profundidade, e xunto coa estrea absoluta dunha das moitas composicións inéditas de Groba, que promete ser un momento especial e memorable do concerto.

Rogelio Groba deixou deixou unha pegada imborrable na música galega e española, con máis de 720 composicións. O seu traballo abrangue xéneros diversos como óperas, sinfonías, ballets, música de cámara e de banda. Así, consolídase como un piar fundamental da cultura musical contemporánea.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS