Hoxe, Día Mundial contra o Cancro, dende o Concello de Mos, a súa alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, presentan un innovador proxecto apenas desenvolvido nas administracións locais.
Trátase dun programa de Ioga Oncolóxico que o Concello impartirá os venres cunha periodicidade semanal e que será guiado por unha monitora especializada integrada na Rede de Ioga Oncolóxico.
Levarase a cabo durante os meses de marzo, abril e maio de 2025 e será un programa dun total de 12 sesións para un grupo de 10 persoas, pacientes oncolóxicos ou postoncolóxicos
O Ioga Oncolóxico é unha adaptación da disciplina tradicional ás particulares necesidades físicas e emocionais que atravesan as persoas que padecen cancro. Desde a diagnose ata durante o tratamento e postratamento.
Existen diversos estudos científicos que distinguen ao Ioga como unha das terapias complementarias idóneas aos tratamentos convencionais, debido a que contribúe a mellorar a calidade de vida global das persoas con cancro nas distintas fases da enfermidade.
O obxectivo deste programa de Ioga Oncolóxico é acompañalas no seu proceso desde o Ioga, abrindo un espazo de seguridade e confianza e fomentando a creación dunha rede de apoio, porque o amor, a solidariedade, o contacto e o intercambio de experiencias forman parte da saúde integral.
Para afrontar as consecuencias emocionais da enfermidade durante as sesións traballarase con pranayamas e técnicas de relaxación profunda que posibilitan a redución do estrés, o medo e a ansiedade.
As sesións a impartir en Mos serán de 1 hora de duración para un grupo de 5 personas mínimo e 10 máximo. E utilizaranse elementos como bloques, mantas, cintas, e coxíns que facilitan a práctica de asanas sen riscos ao tempo que favorecen a mobilidade e relaxación.